Presentados en Narón na Comisión Especial de Contas os orzamentos municipais 2023

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, informou este xoves, día 22 de decembro que os orzamentos municipais do vindeiro ano, que se levarán ó pleno da vindeira semana, ascenden a 35.081.634 euros.

O documento, indicou, presentouse esta mesma mañá aos integrantes da Comisión de Contratación, Persoal e Especial de Contas. “Son uns orzamentos sociais, nos que se mantén como outros anos a prioridade na atención ás persoas, cos impostos conxelados e a inexistencia de débeda bancaria grazas á xestión realizada durante o mandato e que aporta unha situación de estabilidade financieira a esta cidade”, subliñou.

Ó capítulo de investimentos explicou que se reserva unha partida de 1,23 millóns de euros. “Os investimentos previstos no vindeiro exercicio acometeranse na súa práctica totalidade con cargo a fondos propios, a diferencia doutros anos nos que contamos con subvencións como as dos Fondos Europeos Edusi, que están executadas ou en proceso de execución”, apuntou.

A alcaldesa asegurou que «a data do pasado martes, día 20, tiñamos once millóns de euros en execución, cun orzamento, o do pasado ano, que partiu duns tres millóns de euros e que estaba este mes en dezaseis millóns”.

Ferreiro recalcou que “o orzamento é un documento dinámico e nós partimos sempre dun documento realista, que se poida levar a cabo, que nos permita materializar esas propostas que plantexamos hai catro anos e que levamos desenvolvendo nese tempo para o proxecto de cidade que no seu día presentamos”.

A alcaldesa da cidade destacou o incremento nuns 400.000 euros para o Servizo de Axuda no Fogar. “Un incremento que require un servizo prioritario para atender ós nosas veciños e no que con cargo ás arcas locais se asume un importante desembolso, ó financiar a Xunta a 13 euros a hora cando ten un custe de 21 euros o que non nos permitiría, no caso de non incrementar a nosa aportación, atender as necesidades actuais do servizo”.

A maiores, explicou, o gasto corrente incrementa por custes da enerxía eléctrica e a inflación tamén afecta a numerosos contratos que houbo que revisar por aumento dos custes de materiais, de persoal, etc.

En canto ós gastos, sinalou, hai un incremento considerable nos de persoal ó aplicar as subidas que actualizan as retribucións do Estado e a reclasificación dos postos de parte do plantel do Speis, entre outros.

Tamén se incrementou a partida destinada ó Padroado da Cultura e programáronse investimentos como melloras en eficiencia enerxética en centros de ensino e edificios municipais, reposicións asfálticas en vías do termo municipal, melloras en zonas verdes, en instalacións deportivas, pavillón da Gándara, pista de skate, no pavillón da Mocidade, etc.

“Son uns orzamentos estables realizados dende a máis absoluta responsabilidade que constatan o modelo de xestión que defendemos para esta cidade, un modelo concebido para longo prazo e que non se centre no último ano de mandato. Nós tiñamos un proxecto para catro anos, un plan de investimento que neste tempo superará os vinte millóns de euros de investimentos e que nos permitirá cumprir os compromisos adquiridos no seu día coa veciñaza, aínda tendo en conta os cambios e axustes que requeriron os meses máis complicados da pandemia pola Covid-19”, recalcou a alcaldesa.

Lea también

O BNG levará ao Parlamento as necesidades do CEIP A Solaina de Narón

Este martes día 30 as concelleiras do BNG de Narón e os Deputados ao Parlamento …