A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, desprazouse este venres, día 2 de decembro, á Coruña xunto co edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, o xefe da Policía Local, Eduardo Pita, e os responsables do equipo de Educación Viaria do Concello de Narón, Pedro Caneiro e Sonia López.
O motivo da viaxe foi a súa asistencia ó acto de entrega da Medalla ó Mérito da Seguridade Viaria, na categoría de bronce con distintivo azul, ó equipo de Educación Viaria de Narón.
O delegado do Goberno na Coruña, José Miñones, e a alcaldesa da cidade herculina, Inés Rey, entregaron a distinción a Pedro Caneiro e Sonia López no acto desenvolvido na praza de María Pita.
Ferreiro destacou o traballo do equipo de Educación Viaria e agradeceu á Dirección Xeral de Tráfico este recoñecemento “a moitos anos de traballo en materia de educación viaria, unha das máis firmes apostas do Consistorio naronés dentro da Concellería de Seguridade Cidadá”.
A alcaldesa tivo tamén un agradecemento especial, ademais de para Pedro Caneiro e Sonia López, para a comunidade educativa en xeral e todas as familias que se implican en cada proposta que se impulsa dende o goberno local.
“Este premio é tamén un recoñecemento a todos eles porque a súa implicación resulta fundamental para que as propostas que impulsamos dende o Concello produzan os resultados esperados”, subliñou a alcaldesa.