Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade dirixido a mulleres desempregadas

 

A Xunta de Galicia concedeu á Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol unha nova edición do Programa Integrado de Emprego de Galicia.

A administración autonómica e o Servicio Público de Empleo Estatal financian esta convocatoria con 225.000 euros sobre 250.000 euros do custo total.

A alcaldesa de Narón e vicepresidenta da Mancomunidade, Marián Ferreiro, recordou que se trata dunha convocatoria dirixida a mulleres en situación de desemprego empadroadas nos Concellos de: Cedeira, Valdoviño, Narón, Fene, Neda, Cabanas, Ares ou Mugardos e que cumpran algún dos seguintes requisitos: certificado de discapacidade, risco de exclusión social e beneficiarias do tramo de inserción da renda de inclusión social de Galicia, vítimas de violencia de xénero, menores de 30 anos con baixa cualificación, estar desempregadas (e inscritas como demandantes de emprego)

O Programa Integrado de Emprego da Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol 2022/2023 ten unha duración de 12 meses e o seu obxectivo principal é achegar ferramentas ás participantes de xeito que melloren a súa empregabilidade e logren a inserción laboral.

Os medios que se utilizan para a consecución do obxectivo son moi diversos e adaptados ó perfil de cada persoa. Con este fin, conxugaranse accións individuais co persoal técnico do programa (orientación laboral, asesoramento, itinerarios personalizados de inserción…) con accións formativas tanto cualificantes (agricultura ecolóxica, peixaría, cociña, limpeza industrial, comercio, reparación de móbiles, xestión de comunidades virtuais…) como de tipo transversal (preparación para as competencias clave, informática, idiomas, habelencias sociolaborais, talleres de busca de emprego, talleres de entrevista…)

O persoal técnico tamén abordará a prospección laboral de xeito que en todo momento manterá contactos coas empresas da contorna de cara a coñecer as necesidades do mercado, as posibles ofertas de emprego e poñelas en contacto coas usuarias do programa.

O obxectivo mínimo de inserción laboral do Programa Integrado de Emprego deste ano é do 35%. É importante subliñar que todas estas accións se apoiarán con medidas que permitan a participación das usuarias, de xeito que aquelas que teñan menores ou persoas con discapacidade ó seu cargo (e non dispoñan de recursos de apoio) poderán beneficiarse dun servizo de conciliación.

Así mesmo, terán dereito a percibir unha bolsa de 7 euros por día de asistencia ás accións do programa. Esta metodoloxía permite que as participantes amplíen non só a súa cualificación senón que, ó mellorar o coñecemento de si mesmas e do propio mercado laboral, poidan adquirir formación que lles sirva para que a súa busca de emprego sexa máis eficiente e efectiva.

As mulleres interesadas poden ampliar información en www.comarcaferrolterra.es ou poñéndose en contacto con calquera dos servizos municipais e mancomunados. Para optar a participar no programa deberán cubrir e presentar como máximo o día 15 de decembro.

Lea también

Remolcado a Cariño un pesquero de Cedeira, con ocho tripulantes, tras quedarse sin gobierno

El pesquero ‘Playa de Bares’, en el que se encontraban ocho tripulantes, ha necesitado ser …