Este domingo continua no Couto, Narón, o ciclo «Tempo de Música»

A vixésimo novena edición do ciclo “Tempo de Música” continuará este domingo, día 23, no local social da Picota (O Couto) con dúas novas actuacións corais.

Nesta ocasión, tal e como indicou a presidenta do Padroado da Cultura de Narón e alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, poderase desfrutar da música de “Airiños de Caranza” e de “Alecrín”, ambas de Ferrol.

A cita dará comezo ás 18.00 horas e a entrada é de balde. Este ciclo musical rematará o vindeiro 30 de outubro coa actuación da agrupación “Culpables”, de Neda, e pechará esta edición a coral “Amistad”, da Asociación de Veciños do Couto, en Narón.

O pasado 2 de outubro iniciouse no local social da Picota a programación de “Tempo de Música”, cun concerto da Banda Xuvenil “Sementeira”, de Narón, para continuar o día 9 deste mes coas corais polifónica “Montemar” e da Asociación Cultural “Francisco Añón”, as dúas de Outes, na Coruña.

A pasada fin de semana, o día 16, foi o turno da Asociación músico-vocal “Alegre Intermezzo”, de Pontedeume e da rondalla de mulleres “Santa Uxía de Mandiá”, de Ferrol.

Ferreiro destacou “o traballo realizado un ano máis dende a Asociación de Veciños do Couto para poder desenvolver na parroquia esta cita cultural, unha das máis tradicionais da cidade” e animou á veciñanza a acudir ás convocatorias que se celebrarán este mes.

A Deputación da Coruña e a Federación Galega de Corais colaboran tamén nesta convocatoria, organizada pola AVV do Couto xunto co Concello naronés, a través do Padroado da Cultura.

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …