Conmemoración en Narón do Día da Biblioteca

A praza de Galicia acollerá o vindeiro sábado, día 22 de outubro, os actos organizados polo Concello de Narón para conmemorar o Día da Biblioteca.

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, e a concelleira de Bibliotecas, Mercedes Taibo, presentaron as diferentes propostas que se levarán a cabo durante a xornada, en horario de mañá e tarde e con acceso libre.

“Un ano máis celebraremos esta data tan especial con propostas dirixidas a persoas de todas as idades, que espero que desfruten en familia a través da programación deseñada para a ocasión”, asegurou Ferreiro.

Un espectáculo de narración oral e monicreques protagonizado por Bea Campos, “Os tres osos” será a primeira das actividades, a partir das 11.30 horas. Está dirixido a bebés de 0 a 3 anos e ten unha duración de media hora, un tempo no que se adaptará o tradicional conto dos tres osos acompañado por teatro de obxectos.

A continuación, ás 12.30 horas terá lugar a segunda proposta, “A grandeza do pequeno”, unha contada a cargo de Iseo Agilda para menores a partir de 4 anos e na que fará comprender ó público que o que nos fai grandes ou pequenos non é o noso tamaño senón a nosa capacidade de soñar e tomar decisións. Pola tarde retomarase a programación ás 17.00 horas, co obradoiro “Querida poeta”, para público infantil e familiar a partir de 5 anos.

Ó longo dunha hora a poeta María Lado dinamizará este obradoiro de creación de postais con poemas e técnica de collage. O aforo máximo é de trinta persoas e para inscribirse previamente poderase facer dende o vindeiro martes, día 18, ás 16.00 horas na Biblioteca de xeito presencial ou chamando ao número de teléfono 981 382 173.

E pechará a programación deste ano unha representación teatral, “A máquina do tempo”, a cargo da compañía Teatro Ghazafelhos. Ás 18.30 horas dará comezo esta representación, para público infantil e familiar a partir de 5 anos, coa que se ilustra dun xeito ameno e pedagóxico a historia das civilizacións. Pepablo Patinho e Montse Piñón realizarán un percorrido pola historia a través de dous chamativos personaxes, a doutora Mon e o seu axudante Pe, todo cunha curiosa escenografía.

O público poderá interactuar e viaxar con eles ás diferentes épocas da nosa historia. A maiores tamén se recuperará, despois de dous anos sen poder facelo debido á pandemia da Covid-19, a exposición de materiais da Biblioteca nun espazo habilitado para tal fin na Praza de Galicia durante o Día da Biblioteca.

Prensa, revistas, material librario e adiovisual, boletíns de novidades… e outros como fotografías ou vídeos informativos formarán parte desa mostra a través da que se darán a coñecer os servizos que se prestan dende as citadas instalacións.

Así mesmo, achegar a biblioteca á cidadanía, levar os seus servizos a un espazo de esparcemento e a captación de potenciais usuarios e usuarias forman tamén parte dos obxectivos desta iniciativa.

Lea también

Música, maxia, xogos populares e degustación de callos e bolos preñados para celebrar o Día de Narón

  A Praza 23 de Novembro acollerá este sábado os actos do programa co que …