A alcaldesa da cidade de Narón, Marián Ferreiro, e o edil Pablo Mauriz reuníronse co presidente da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer (AFAL), Francisco Pantín, para abordar diferentes asuntos relacionados co convenio de colaboración que dende hai anos mantén o Concello naronés coa entidade e con cargo ó que se desenvolven varias propostas dirixidas ó colectivo.
No transcurso da xuntanza Pantín explicoulle a Ferreiro o traballo realizado ata a data con cargo ó mencionado acordo e tamén algunhas das actividades que dende AFAL se levarán a cabo no que resta deste ano.
O presidente de AFAL e a alcaldesa de Narón analizaron tamén posibles novas colaboracións para continuar traballando conxuntamente con persoas afectadas por alzheimer e as súas familias.
“Dende o Concello de Narón continuaremos traballando na medida das nosas posibilidades para que asociacións como AFAL, fundamentais para atender a un colectivo moi determinado, poidan desenvolver a súa actividade nas mellores condicións posibles, ofrecendo un servizo moi importante e necesario e mantendo unha traxectoria moi consolidada na área na que desenvolve as súas funcións”, recalcou Ferreiro.