A tradicional Festa do Río de Terra Galega reuniu este domingo na área recreativa de Pedroso a unhas 700 persoas que desfrutaron, un ano máis tralo parón de dous anos pola pandemia, dunha xornada de confraternidade. A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, o secretario xeral de Terra Galega, Guillermo Sánchez Fojo, e o coordinador local de TEGA na cidade, Ibán Santalla, estiveron acompañados por militantes e simpatizantes do partido nesta convocatoria.
Ibán Santalla encargouse de dar a benvida aos asistentes á xuntanza, agradecendo “que compartades con nós esta xornada tan especial que recuperamos coa ilusión do primeiro día”. O coordinador local de TEGA asegurou que cada veciña e veciño da cidade “sodes unha peza fundamental para que Narón siga avanzando” e asegurou que “queremos seguir dando pasos en firme para non retroceder e pendientes de que todo estea a punto para consolidar os cimentos da oitava cidade de Galicia”. Santalla destacou no acto a “solidez” do equipo de TEGA, ao que agradeceu o seu labor, e comprometeu o seu compromiso persoal e o de Terra Galega en xeral para avanzar no Narón do futuro.
Cese de Guillermo Sánchez Fojo
O secretario xeral de TEGA, Guillermo Sánchez Fojo, tomou a palabra a continuación, anunciando que este mes abandoará a primeira liña política. “Quérovos dicir algo moi importante para min, trinta e cinco anos e tres meses é o tempo que levo sendo concelleiro de Narón, traballando con tres alcaldes e a alcaldesa Marián Ferreiro, e foi un honor estar ao lado deles. Quero facer público que neste pleno do 29 de setembro deixarei de ser concelleiro de Terra Galega en Narón”, asegurou. Sánchez Fojo deu as grazas polo apoio de todos estes anos aos asistentes e destacou o traballo do equipo en xeral e da alcaldesa de Narón en particular, subliñando que “fomos o concello de Galicia que coa pandemia máis investimos nas empresas e emprendedores, máis que a Xunta de Galicia e iso debémosllo aos funcionarios e funcionarias de Narón, á alcaldesa e a este equipo de Terra Galega”.
Trala intervención de Sánchez Fojo, Marián Ferreiro dirixiuse ao secretario xeral do partido para agradecerlle o seu traballo. “Formas parte da xeración que mudou para sempre Narón”, asegurou a alcaldesa da cidade, valorando o seu compromiso durante todos estes anos. Tivo tamén unhas palabras Ferreiro para o seu agradecemento persoal “pola confianza que depositaches na miña persoa cando nin sequera eu a tiña” e pola súa “inmensa xenerosidade para dar un paso a un lado” e facer posible que sinta a día de hoxe “o orgullo inmenso, incomparable e insuperable que supón ser a alcaldesa da miña cidade”.
A continuación, Ferreiro recordou a última ocasión na que se celebrou a Festa do Río, o 8 de setembro de 2019, e aludiu á posterior pandemia sufrida dende marzo de 2020. “En Narón tiñamos un programa, un proxecto, que estabamos a cumprir e tivemos que parar, para adaptarnos e dar respostas, poñer en marcha axudas para as persoas que peor o estaban pasando”, subliñou. A defensa do público e a solidariedade das veciñas e veciños de Narón foron outros dous aspectos sobre os que fixo fincapé Ferreiro na súa intervención. Para rematar, recordou que, ás portas dunhas novas eleccións municipais “quero pedirvos que sigamos camiñando xuntos neste proxecto colectivo” e aludiu á importancia de dar resposta aos problemas e necesidades das veciñas e veciños da cidade.
Finalmente Marián Ferreiro e os integrantes de Terra Galega realizaron unha fotografía de familia para, a continuación, desfrutar do xantar de confraternidade e da programación da Festa do Río.