O Padroado da Cultura de Narón abrirá do 30 de agosto ó 24 de setembro o prazo de matrícula nas Escolas Culturais Municipais.
As persoas interesadas en acudir deben inscribirse nas oficinas do Pazo da Cultura, de luns a venres en horario de 9.00 a 14.00 e de 17.00 a 19.00 e os sábados de 10.00 a 13.00, podendo solicitar máis información ó respecto chamando ao número de teléfono 981 391 144 ou a través do correo electrónico mc.blanco@naron.es, tal e como explicou o concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo.
Entre a oferta das escolas tradicionais están as clases de danza tradicional, canto e pandeireta (a partir de 5 anos); gaita, acordeón e percusión tradicional (a partir de 6 anos); Zanfona (dende os 8 anos); construción de instrumentos (a partir de 16 anos) e, para os nenos de menor idade, de 3 e 4 anos, está a modalidade de o recuncho dos pequechos
Outra das opcións a elixir son as escolas artísticas, donde hai novamente dúas opcións: teatro (a partir de 4 anos) e debuxo (a partir de 6 anos) e dende a Escola de Formación de Actores e Actrices, o primeiro curso (a partir de 16 anos), segundo e terceiro e o Practicum.
O prezo de cada unha destas actividades é de 63,10 euros por curso a excepción de segundo e terceiro da Escola de Formación Actoral, cuxo importe é de 208 euros por curso. No Padroado da Cultura tamén se ofrece a posibilidade de matricularse en bailes de salón (a partir de 4 anos), cun custe de 31,60 euros por matrícula e unha cota de 15 euros ó mes.
O prazo de devolución de matrículas será ata o 28 de outubro deste ano, en horario de 9.00 a 14.00, tal e como se indicou. As clases impartiranse entre os meses de outubro deste ano e maio de 2023, ambos incluídos.
A información ó completo das diferentes propostas pódese consultar a través do enlace: https://bit.ly/3QT2E8R