Os programas de envellecemento activo e comunitario en Narón comenzan en setembro

 
As actividades do programa de envellecemento activo e do programa comunitario darán comezo o próximo xoves, día 1 de setembro, nas instalacións dos centros comunitarios municipais Manuela Pérez Sequeiros e vivendas da Mariña e tamén nos centros cívicos sociais da zona urbana e rural da cidade, A Solaina, Virxe do Mar, San Mateo, O Val, Piñeiros, O Alto, Freixeiro, Pedroso, Doso, Xuvia, Sedes, San Xiao e Castro, tal e como recordou a edil de Benestar Social, Catalina García.
 
A través do programa de envellecemento activo ofértanse varias actividades e terán preferencia as persoas maiores de 60 anos empadroadas en Narón. Entre o 1 de setembro e o 30 de xuño impartirase ximnasia rehabilitadora, ioga, memoria, apoio á informática, labores, obradoiros de enredar, de lecto-escritura e de cantigas e cancións de animación, tal e como figura na programación.
 
García apuntou que se trata de sesións “de entre unha e dúas horas, en horario de mañá ou de tarde, en función da actividade” e para as que no caso de haber vacantes poderán anotarse persoas doutros concellos.
 
As actividades de apoio á informática e labores e os obradoiros “Enredamos”, de lectura escritura e cancións de animación son de balde, se ben para o resto é preciso abonar a taxa estipulada na ordenanza fiscal número 15, de 8,15 euros.
 
O programa comunitario, para persoas de todas as idades, inclúe sesións de ximnasia rehabilitadora, ioga, pilates, zumba, musicoterapia, costura, corte e confección, debuxo e pintura, cursos de informática e internet, curso de manexo de móbil intelixente, «English Coffee”  de clases de inglés para principiantes e, como novidade, os obradoiros ocupacional, de cociña para persoas adultas e de reciclaxe e reutilización.
 
A maiores, ó longo do curso tamén se organizarán mostras fotográficas e artísticas, charlas e debates, actuacións músicais e bailes e festas. Neste caso, o obradoiro ocupacional é de balde e no resto de actividades hai que pagar unha taxa de 17,85 euros, a estipulada na ordenanza fiscal número 33
 
As inscricións do programa de envellecemento activo poden tramitarse no caso das actividades que non teñen taxa no Manuela Pérez Sequeiros, podendo obter máis información a través do teléfono 981 102 152 e no caso das que teñen taxa no Concello ou a través da Sede Electrónica de Narón
 
Para o programa comunitario as inscricións deben realizarse no centro comunitario Manuela Pérez Sequeiros. A información ó completo destes programas municipais para os que permanece aberta unha lista de agarda todo o ano por se quedan vacantes pode consultarse no centro comunitario Manuela Pérez Sequeiros, no das vivendas da Mariña, nos centros cívicos sociais da cidade, no Concello e a través da páxina web: www.naron.es

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …