O Gran Premio de Fútbol Base Deputación da Coruña reúne en Narón a máis de 1.000 canteranos de España, Portugal, Alemania e Italia

Valentín González Formoso asistiu á xornada inaugural do evento, no que participan 94 equipos e que reunirá a miles de persoas ata o domingo no estadio de Río Seco.

Fuente Deputación de A Coruña

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, participou xunto ao e o presidente da Sociedade Deportiva, Cultural e Recreativa Narón O Freixo, Rafael Pazos Louro, na xornada inaugural do Gran Premio Deputación da Coruña – XI Torneo Internacional Cidade de Narón, unha das grandes citas do fútbol base, que se dsputará durante toda a fin de semana no Estadio Municipal de Río Seco.

A competición reúne nesta edición 94 equipos e máis de 1.000 nenos e nenas das categorías benxamín e alevín, con presenza de clubs galegos e españois como o RC Deportivo, RC Celta, Sporting de Gijón ou Real Oviedo, ademais de equipos procedentes de Portugal, Alemaña e Italia.

Fuente Deputación de A Coruña

Durante a visita, Valentín González Formoso destacou a dimensión que acadou o torneo e a importancia que ten para a Deputación da Coruña apoiar competicións centradas no deporte de base. “Durante estes días Narón convértese na capital española do fútbol base. Aquí están máis de mil rapaces e rapazas compartindo deporte, convivencia e ilusión, e iso é precisamente o que queremos apoiar desde a Deputación”, afirmou.

O presidente provincial salientou tamén o traballo realizado pola SDCR Narón O Freixo ao longo das once edicións da competición. “Detrás dun evento destas características hai moitísimas horas de traballo e a implicación de todo un club. O mérito é de quen conseguiu facer medrar este torneo ano tras ano ata convertelo nunha referencia dentro e fóra de Galicia”, sinalou.

A Deputación incorpórase este ano como principal patrocinador da competición cunha achega de 90.000 euros, o 80% do orzamento total do evento, co obxectivo de reforzar a súa organización e contribuír ao seu crecemento e proxección.

Formoso incidiu en que este apoio pretende darlle un novo impulso ao crecemento do torneo. “Queremos que Narón siga sendo unha referencia para o fútbol base e que este Gran Premio continúe medrando. Temos un evento consolidado, un club cunha enorme capacidade organizativa e unhas instalacións que durante esta fin de semana van recibir a miles de persoas”, apuntou.

A competición desenvolverase en catro campos de fútbol 8, dous de herba natural e dous de herba artificial, cunha intensa programación de encontros. Tras a primeira fase, os equipos competirán nas fases Prata e Ouro. O sábado disputarase a Fase Prata, mentres que o domingo será a quenda da Fase Ouro, que incluirá fase de grupos, cuartos de final, semifinais e finais.

Valentín González Formoso regresará o domingo pola tarde a Narón para asistir ao acto oficial de entrega de premios coa que se pechará o torneo. Ademais dos trofeos para os equipos mellor clasificados, a organización distinguirá o mellor xogador e o mellor porteiro de cada categoría.

Fuente Deputación de A Coruña

O Gran Premio Deputación ten tamén unha importante repercusión para Narón e Ferrolterra, pola presenza durante estes días de centos de familiares, persoal técnico e acompañantes dos equipos, cun impacto directo na hostalaría, na restauración e no comercio local. A organización aspira nesta edición a superar os 5.000 asistentes, fronte aos arredor de 3.500 rexistrados o pasado ano.

Lea también

Exponav inaugura en Ferrol ‘Fútbol por la Paz’, con más de un ciento de camisetas históricas de selecciones nacionales

La urbe naval es la primera de las ciudades gallegas en las que recala esta …

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *