O Cineclube Serie B e o Concello de Narón organizan un novo ciclo tralo éxito de convocatoria do dedicado aos Premios Goya.

O Pazo da Cultura do Concello de Narón acolle o mes de setembro unha nova edición dos ‘Mércores de Cine’, o ciclo que organiza o Cineclube Serie B Cidade de Narón xunto coa Federación de Cineclubes de Galicia e o Concello de Narón, a través do Padroado da Cultura. Nesta ocasión, o programa está dedicado integramente ao cinema Feito en Galicia, con catro títulos que percorren distintos xéneros e formatos da produción audiovisual galega máis recente.
As proxeccións terán lugar os mércores 9, 16, 23 e 30 de setembro, sempre ás 20:00 horas, e a entrada será de balde ata completar capacidade. O ciclo comeza o próximo día 9 con “Trinta Lumes”, de Diana Touceiro (2017), un relato a medio camiño entre o documental e a ficción ambientado nunha aldea galega durante as celebracións do Día de Tódolos Santos.
O 16 de setembro será a quenda de “O Apóstolo”, de Fernando Cortizo (2012), película pioneira na animación stop motion en 3D. O filme mestura humor, terror e fantasía coas voces de Luis Tosar, Geraldine Chaplin ou Manuel Manquiña, entre outros.
O 23 de setembro proxectarase “A Estación Violenta”, de Anxos Fazáns (2018), adaptación da novela homónima de Manuel Jabois que reflexiona sobre o paso do tempo e a pegada das feridas persoais. O ciclo pechará o 30 de setembro con “Buscando á Santa Compaña”, tamén de Fernando Cortizo (2024), unha road movie documental que a través de testemuñas reais e as opinións de expertos diferencia mito e realidade arredor desta lenda ancestral galega.
Na presentación do ciclo participou o presidente do Cineclube Serie B Cidade de Narón, Alberto Pena, acompañado da alcaldesa de Narón e presidenta do Padroado da Cultura, Marián Ferreiro. Pena animou a veciñanza a non perder esta nova cita cos Mércores de Cine despois do éxito acadado na pasada edición, na que a proxección de “Romería” reuniu a máis de 400 persoas e o peche do ciclo dedicado aos Goya, coa película “Sirat” de Oliver Laxe, congregou a máis de 600 espectadores no Pazo da Cultura.
«Os Mércores de Cine convertéronse xa nunha cita ineludible para o público naronés”, sinalou Ferreiro que agradeceu o esforzo do Cineclube Serie B así como a súa aposta polo cinema feito en Galicia.
Galicia Ártabra Noticias de Ferrol y la comarca de Ferrolterra.