Novas accións formativas na aula Cemit de Xuvia, Narón

A Aula Cemit de Xuvia acollerá a partir da vindeira semana dúas novas accións formativas para as que se abrirá o prazo de inscrición o próximo luns día 22. A concelleira de Formación e Novas Tecnoloxías, Natalia Hermida, indicou que se trata dos cursos de “Competencias dixitais en ofimática” e “Contabilidade e RRHH”.

As inscricións para ditas accións formativas realizaranse, unha vez aberto o prazo, a través da Plataforma Cemit da Xunta de Galicia https://cemit.xunta.gal/es

A acción formativa de “Competencias dixitais en ofimática” consta dun total de 240 horas, que se impartirán do 5 de setembro ao 30 de novembro, con 60 días lectivos, en quenda de mañá, de 9.30 a 13.30 horas. Ofértanse un total de 12 prazas e entre o contido a abordar están temas como os sistemas operativos, internet, intranet e correo electrónico, aplicacións informáticas de procesamento de texto, base de datos, para presentacións e de folla de cálculo.

O curso de “Contabilidade e RRHH” consta tamén de doce prazas e terá unha duración total de 168 horas, que se impartirán dende o 29 de setembro, ata o 30 de novembro, con 42 días lectivos, en horario de tarde, de 16.00 a 20.00 horas.

O contido do curso no apartado de Xestión de RRHH tratará sobre definición do posto de traballo, definición de perfís laboráis, competencias e formación, normativa laboral, Seguridade Social e cotizacións, liquidación do recibo de salarios, liquidación de cotizacións e aplicacións informáticas de xestión de RRHH.

O contido do apartado de Contabilidade tratará sobre documentos administrativos de compravenda, facturación, sistemas de información contable, Plan Xeral Contable, contas anuais, contabilización por partida dobre, facturación e contabilidade informatizada e aplicacións informáticas de facturación.

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …