Recepción ós sete menores saharauis que participan no programa «Vacaciones en Paz», Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, presidiu este xoves, día 4 de agosto, ás 11.00 horas, a recepción oficial ços menores saharauis que este ano participan no programa “Vacacións en Paz”.

No acto estiveron tamén presentes os voceiros do PSOE, David Pita, e do PP, Germán Castrillón, así como a concelleira de Benestar Social, Catalina García e familias da cidade que acollerán durante este mes, e ata comezos de setembro, ós menores.

Un total de sete menores pasarán estes días na cidade, con seis familias, xa que unha acolleu a dous nenos. Todos eles pasarán o seu primeiro verán fóra dos campamentos de refuxiados saharauís de Tinduf, en Arxelia, e estes días estanse familiarizando co idioma. Así mesmo, realizan xa as pertinentes revisións médicas, como a visita ó oftalmólogo, aproveitando a súa estancia no municipio.

Ferreiro deu a benvida ós menores e agradeceu o traballo da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, representada na comarca por Maite Martínez, e tamén subliñou a importancia “de contar con familias que se impliquen neste programa de Vacacións en Paz, porque sen todos eles sería imposible levalo a cabo e ofrecer ós menores saharauis esta oportunidade de saír dos campamentos de refuxiados durante, neste caso, mes e medio”

Pola súa banda, Maite Martínez tamén destacou a axuda do Concello de Narón e a colaboración das familias, ás que definiu como “a columna vertebral deste programa”. Tralas intervencións os representantes da corporación local entregaron ós menores saharauis unhas mochilas e unhas golosinas.

Dende o Concello entregaráselles tamén a cada un un cheque por importe de 60 euros para compra de material escolar na libraría local Din & Don. Despois de realizar unha fotografía de recordo todos eles desfrutaron dun almorzo xuntos.

Nos vindeiros días, tal e como avanzou García, visitarán as instalacións do Servizo de Prevención, Extinción de Incendios e Salvamento de Narón (Speis), realizarán un percorrido en vehículos 4×4 e realizarán algunhas visitas pola zona, como á Confraría de Barallobre e ó parque acuático de Cerceda, entre outras.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …