Recepción institucional ás formacións participantes no XXXI Festival Internacional de Folclore, Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o sábado, día 16 de xullo, no Concello de Narón a recepción oficial a representantes das formacións que participaron no parque de Freixeiro, no “XXXI Festival Internacional de Folclore” organizado polo Padroado da Cultura de Narón e con entrada de balde

No acto, que deu comezo ás 12.30 horas, estiveron tamén presentes o edil de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, e o voceiro do grupo municipal do PSOE, David Pita

Ferreiro deu a benvida a Narón a integrantes do Grupo Folclórico Guarionex, de Porto Rico, do Grupo de Bailes Folclóricos Sörbö, de Costa Rica, e da Compañía de Danza Independiente Fusión Folklórica, de México, que estiveron acompañados por representantes do Grupo de Baile Tradicional “Alxibeira”, do Padroado da Cultura de Narón

A rexedora local valorou o feito de poder desfrutar esta noite, e tamén o vindeiro luns día 18 nas Pontes, da actuación destas formacións musicais, “que nos achegan un pouco máis á vosa cultura e as vosas tradicións a través da música, das vestimentas propias dos vosos países, enriquecendo festivais como o que celebramos cada ano en Narón e contribuíndo a difundir o voso intenso labor e aportación cultural na nosa cidade”

Trala intervención de Ferreiro un representante de cada unha das formacións tomou a palabra, coincidindo en agradecer todos eles a Narón o feito de convidalos a esta edición do Festival Internacional de Folclore. Resumiron ademais un pouco a historia de cada formación e recoñeceron que era “un placer” dar a coñecer o seu folclore en Narón. Destacaron tamén a súa paixón pola música e “o esforzo realizado para organizar este festival, que todos os que traballamos nisto sabemos que é moito”

A alcaldesa entregoulles un agasallo a cada unha das formacións convidadas, unha figura artesá realizada con follas das mazarocas do millo e pintadas con tintes naturais que representaban a unha parella de baile, realizadas por artesáns da comarca, “As Lolas da Cascarilla”

Así mesmo os tres grupos convidados entregáronlle á alcaldesa diferentes agasallos representantivos dos seus respectivos países para, finalmente, realizar unha fotografía de grupo no salón de plenos

Ferreiro desexoulles ós grupos unha boa estancia na cidade e reiteroulles o agradecemento por participar no “XXXI Festival Internacional de Folclore”

Lea también

Intervención dos bombeiros de Narón por un vehículo ardendo

Os bombeiros de Narón realizaron na tarde de onte mércores unha intervención na rúa Somozas, …