Actos con motivo do centenario da Escola de Sedes, Narón

A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, desprazáronse este venres, día 17 de xuño á Escola de Sedes, do CRA de Narón, para participar nun acto programado con motivo do seu centenario.

Acudiron tamén en representación do goberno local a edil de Benestar Social, Catalina García, o voceiro do PP, Germán Castrillón e a voceira do BNG, Olaia Ledo e o inspector de Educación, Santiago Sobrino.

Ás 11.30 horas deu comezo a convocatoria, amenizada por integrantes da Escola de Gaitas do Padroado da Cultura e na que había unos convidados moi especiais, Francisco Sabín, neto do fundador da citada Escola, que no seu día enviou dende Cuba os cartos para construíla, xunto coa súa muller, Lucila Gardiner Sabín, e a súa bisneta, Alina Sabín Swanson.

No transcurso do acto os asistentes, entre os que estaba persoal docente, alumnado e integrantes da AVV “Rosa dos Ventos”, de Sedes, viron un vídeo sobre un “conto viaxeiro” protagonizado polos trece escolares que ten actualmente a Escola de Sedes e tamén unha coreografía que prepararon. Non faltaron as velas, que sopraron xuntos cunha tarta elaborada para a ocasión e tamén se aproveitou o acto para prantar unha árbore, un cereixo cedido polo Concello. Na plantación participaron todos os asistentes ao acto.

Os familiares do fundador da Escola de Sedes amosaron a súa satisfacción polo feito de poder compartir esta celebración e desprazarse dende Estados Unidos, donde residen actualmente, para acudir ó acto. Agradeceron o labor do persoal do centro e do Concello de Narón por manter operativo o centro e implicáronse activamente na convocatoria.

A alcaldesa felicitou tamén ó persoal do centro polo traballo que realiza e tivo tamén palabras de agradecemento para todas as persoas que, nestes cen anos, fixeron posible que a escola continuase activa.

“É moi importante manter estas escolas abertas, ofrecendo unha formación a nenas e nenos nun centro que orixinalmente era unha escola de nenas e que se construíu precisamente porque o fundador, Francisco Sabín, vía que en América tiñan oportunidade de ir á escola e en Galicia aínda non podían, feito que cambiou radicalmente neste concello grazas á achega que realizou no seu día”, recalcou Ferreiro.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …