O Centro Cívico Social de Sedes acollerá este sábado, día 18 de xuño, unha Xornada formativa apícola organizada polo Concello de Narón e a delegación en Ferrolterra da Asociación Galega de Apicultura, en colaboración coa Asociación de Veciños Rosa dos Ventos, da citada parroquia.
A convocatoria dará comezo ás 10.00 horas, cunha charla sobre “Reprodución do apiario e a importancia da renovación e selección de nais” e que incluirá, ata as 11.15 horas, a presentación do libro “Reprodución apícola”, do profesional do ámbito da Educación social e da Enxeñería Técnica Agrícola Marcos Varela.
A publicación, de 436 páxinas, amosa a súa experiencia como criador de raíñas e estará á venda no acto, co fin de recadar fondos para AGA.
Así mesmo, entre as 11.30 e as 13.30 horas haberá unha charla-obradoiro sobre “Técnicas de control da vespa velutina” impulsadas por apicultores e que reducen drasticamente a presenza desta especie, tal e como indican. Farase unha distinción entre as técnicas a empregar na primavera e as de verán.
As persoas que desexen participar poden inscribirse a través do correo electrónico: dagaferrol@hotmail.com.