Comunicacións do Concello de Narón para a realización das fogueiras

Os veciños que vaian a realizar unha fogueira en Narón coincidindo coas festividades de San Xoán ou San Pedro deberán comunicalo ó Concello ata o vindeiro 21 de xuño.

Os métodos para realizar esas comunicacións, tal e como indicou o edil de Seguridade Cidadá e Speis, Román Romero, son: chamando ó número de teléfono 664 668 520 en horario de 10.00 a 13.00, de luns a venres a partir deste xoves, día 9 de xuño, ou cubrindo a instancia dispoñible na Sede Electrónica do Concello ou polo Rexistro municipal.

Así se recolle nun bando asinado polo alcalde accidental, Guillermo Sánchez Fojo, e que se publicitará tamén na web municipal e no Facebook do Concello.

Para tramitar as comunicacións en espazos privados, é preciso facilitar o nome, apelidos, enderezo e DNI da persoa responsable da lumieira, así como a ubicación da mesma. No caso dos espazos públicos, hai que tramitar a solicitude a través da Sede Electrónica ou o Rexistro Xeral, aportando a documentación requerida (Modelo A-ALC -02).

En canto ás medidas de seguridade que deberán cumprir están tamén situar a cacheira a unha distancia mínima de 30 metros das vivendas, vehículos, instalacións, tendidos eléctricos e telecomunicacións ou zonas vexetais que poidan arder. Non poden superar os cinco metros de altura e tres de diámetro, non poderán estar situadas nas vías de acceso ou circulación, en caso de haber varias xuntas deben estar separadas un mínimo de 100 metros e non se permite a queima de residuos tóxicos nin perigosos, como pneumáticos, plásticos, aceites.

Así mesmo, as fogueiras deberán estar vixiadas ata a súa total extinción e contar con medios para poder apagalas axeitados ás súas dimensións e en caso de vento que poida dificultar a vixilancia e extinción da mesma deberán suspenderse ou apagarse de inmediato. A maiores, deben permanecer vixiadas ata a súa total extinción, que se deberá asegurar empapando os restos con auga.

Desde o Concello recórdase que se poderán acender a partir das 20.00 horas, debendo extinguilas antes das 3.00 e a obrigatoriedade de garantir a limpeza de residuos ó día seguinte, así como a necesidade de alertar ó servizo de emerxencias do 112 ante calquera posible incidencia.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …