No marco da programación artellada ó redor do Día das Letras Galegas 2022, o CMI Unidade de Fene acolle este sábado, 14 de maio, a presentación de Alimentar canarios con ovos da casa, poemario de Anxo Mena que resultou gañador da última edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O acto terá lugar a partir das 20.00 horas e incluirá unha actuación musical a cargo da cantautora Sofía Espiñeira.
Alimentar canarios con ovos da casa foi seleccionada entre as 57 obras que se presentaron ó Premio Pérez Parallé en 2021. O xurado estivo formado pola crítica literaria e docente de Literatura Galega, Inma Otero; Ramiro Torres, graduado social e colaborador do grupo surrealista galego Xalundes e Regina Touceda, estudiante de Filoloxía Galega na USC e gañadora do Pérez Parallé no ano 2019 coa obra Deriva.
Nado en Carral en 1982, Anxo Mena é Doutor en Ciencias do Mar pola Universidade de Vigo, especializado en Paleoceanografía e Sedimentoloxía, temas nos que segue a investigar. Actualmente reside en Cangas e traballa no Centro Tecnolóxico do Mar (CETMAR), en Vigo.
En 2012 obtivo o Premio de Poesía Anduriña Voandeira e, posteriormente, o Premio de Poesía Díaz Jácome de Mondoñedo (2012) e o Premio de Poesía da Universidade de Vigo (2015). O certame nacional de poesía Xosemaría Pérez Parallé foi creado para homenaxear ó poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído en Montevideo pola comunidade galega no exilio.
ACTUACIÓN MUSICAL
Sobre a artista que actuará este sábado no CMI Unidade de Fene, no marco da presentación do libro gañador do Premio Pérez Parallé, cómpre salientar que Sofía Espiñeira inicia o seu percorrido musical no 2016 coa grabación do seu primeiro disco, Alá onde agroman as herbas, traballo que nace tras gañar o II Certame de canción de autor en galego do concello de Teo.
Este primeiro álbum recolle nove temas orixinais compostos pola autora no que o seu estilo persoal mestúrase coa influencia das músicas de raíz. A canción A cabalo, que abre o disco, recibe recentemente o recoñecemento de estar nominada como finalista á mellor canción na edición 2019 aRi[t]mar Galiza e Portugal.
Con este primeiro traballo na man e tras un percorrido de concertos en salas, festivais e diversos espazos culturais, Sofía Espiñeira entra a formar parte do panorama musical galego coma unha das novas voces da canción de autora.
Tamén entra en contacto nestes anos con outros proxectos, colaborando con artistas como MJ Pérez, A banda da loba ou recentemente, co escritor Antón Cortizas, co cal participa, xunto con outros moitos artistas, no libro-disco “O colo das palabras”. Actualmente a cantautora está a traballar nun segundo álbum, para seguir dándolle vida a este proxecto.
Cun estilo persoal influenciado polas músicas de raíz, Sofía Espiñeira diríxese a un público heteroxéneo cun repertorio variado no que bota man do estilo directo que caracteriza á canción de autora. As temáticas próximas e o xogo constante entre a fronteira do íntimo e do público achegan á compositora a conectar co ouvinte nun sentir común, apelando ós sentimentos que nos moven, ás loitas que nos atravesan e tamén achegándose con humor a situacións do noso cotián.
A través dun novo formato a trío, Sofía Espiñeira preséntase nesta nova tempada acompañada da sonoridade do violoncello e a forza das percusións, cun repertorio que incluirá tamén temas novos do que será o seu próximo traballo.