VIII Congreso Nacional de Pacientes Crónicos Semergen en Narón

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e o edil de Sanidade, Santiago Galego, presentaron este venres, día 29 de abril,  xunto co médico Carlos Piñeiro e Conrado Vilela, integrante do comité organizador, a oitava edición do “Congreso Nacional de Pacientes Crónicos Semergen”, que se celebrará no Pazo da Cultura de Narón os días 12 e 13 de maio.

A convocatoria desenvolverase baixo o lema “Futuro y salud 4.0. Compromiso global” e aposta por “establecer un marco científico donde os pacientes crónicos sexan os protagonistas e donde quede de manifesto que a Atención Primaria de saúde é o protagonista principal na xestión do paciente crónico”, tal e como recalcan dende a organización. Representantes dunhas 2.100 asociacións estatais terán presencia neste evento a través das súas respectivas federacións.

O Congreso comezará o día 12 de maio ás 10.00 horas, cun obradoiro sobre “Vacinación no adulto e no paciente crónico” e outro sobre “Nutrición cardiosaudable. Dieta Ártabra». A continuación, entre as 12.00 e as 14.00 horas terá lugar un Circuíto de saúde e de 12.30 a 13.30 haberá tamén unha mesa sobre “Experiencias en tecnoloxía e cronicidade. Revolución en saúde rural”, para dar paso ás 12.30 horas ás comunicacións e experiencias de asociacións.

Ó desenvolverse actividades moi variadas, estas terán lugar en diferentes espazos das instalacións do Pazo, como aulas, o Café Teatro, o auditorio… Na xornada da tarde, tralo almorzo, retomarase o programa ás 16.30 horas, cunha mesa sobre “Saúde cardiovascular. Unha necesidade no noso entorno comunitario”, e a inauguración oficial terá lugar o propio xoves ás 17.30 horas. Media hora máis tarde terá lugar a conferencia inaugural, e ás 19.00 horas os obradoiros: “Creo que me está subindo a tensión arterial. E se está baixa?”, “Dóeme o peito”, “É posible deixar de fumar?” e “Coida os teus ollos”.

A xornada do venres comezará cunha camiñata ás 8.30 e ás 10.00 dará comezo a primeira mesa: “Mellorando a saúde mental en pacientes con enfermidades crónicas” e a esa mesma hora comezarán obradoiros sobre osteorporose, inmunomediados e un circuíto de saúde no café teatro.

O programa continuará ás 11.30 horas coa mesa “Horizonte e cronicidade. Recuperando ós nosos pacientes” e outra ás 12.30 sobre o manifesto de alcaldes coa cronicidade, para clausurar a convocatoria ás 13.30 horas.

Carlos Piñeiro destacou que o evento se centrará “na promoción da saúde, a prevención en relación á cronicidade e na realización de análises sobre a cronicidade e a tecnoloxía aplicada á cronicidade”. Así mesmo, avanzou que nas diferentes sesións se abordarán os factores máis importantes que inflúen na relación dos estilos de vida e saúde mental e destacou a convocatoria dun circuíto saudable, “no que haberá varias estacións nas que se irá analizando a situación de cada persoa, realizándolle un chequeo e entregándolle un informe orientativo para o seu médico”.

A alcaldesa e o edil de Sanidade convidaron á veciñanza a inscribirse neste congreso, a través da web: https://semergen.es/ e participar nas diferentes actividades. Así mesmo, agradeceron o traballo de Piñeiro e Vilela e tamén a implicación de todos os profesionais sanitarios, representantes de entidades e pacientes crónicos que participarán nesta convocatoria.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …