Araceli Bellas Castro tomou posesión do seu cargo como nova concelleira de San Sadurniño

Fot. César Galdo

O salón de plenos do Concello de San Sadurniño acolleu no mediodía deste luns unha sesión extraordinaria na que tomou posesión do seu cargo Araceli Bellas Castro, nova concelleira do Grupo Municipal do BNG que accede á corporación municipal en substitución de Ana Belén Breixo Gundín. Bellas, nada nas Pontes hai 28 anos pero residente en Gudín (Lamas), será nomeada nos próximos días  responsable de Igualdade, Benestar e Normalización lingüística.

A nova concelleira concorreu ás municipais de 2019 no posto número 8 da candidatura do BNG e, polo tanto, era o seguinte nome nas listas para ocupar o lugar de Ana Belén Breixo trala súa renuncia ao cargo que se fixo efectiva no último pleno.

Fot. César Galdo

Araceli Bellas prometeu o seu cargo perante o secretario municipal e o resto de concelleiras e concelleiros -agás Tomás Calvo, ausente por enfermidade-  comprometéndose «a defender os intereses xerais do pobo de San Sadurniño e do pobo galego».

Foi unha intervención breve, igual que todo o pleno, que non durou máis de cinco minutos. Trala promesa, a concelleira -a máis nova da corporación- ocupou o seu escano e recibiu de parte de Secundino García a benvida formal ao máximo órgano de representatividade municipal: «Quero darlle  a benvida á nova concelleira e desexarlle que acerte nas súas decisións polo ben de todos e todas», dixo Secundino García antes de levantar a sesión.

Araceli Bellas Castro naceu en 1994 nas Pontes, aínda que leva anos vivindo en Gudín, na parroquia de Lamas, canda a súa familia. Ten a titulación do Ciclo Superior en Fotografía Artística e Produción de audiovisuais, ámbito no que leva varios anos traballando e colaborando en distintos proxectos.

Nestes días Secundino García asinará o decreto coa delegación de competencias das áreas que dirixirá. Serán as mesmas que levaba Ana Belén Breixo -Igualdade e Normalización Lingüística- e, a maiores, tamén asumirá Benestar. Bellas tamén será 3ª tenente de alcalde e integrarase na Xunta de Goberno Local ocupando o lugar que deixará vacante este mesmo mércores Manolo Beceiro, quen continuará levando o departamento de Infraestruturas e Urbanismo.

Lea también

San Sadurniño otorga ás familias preto de 23.500€ en axudas ao estudo

23.496,20€, importe total que o Concello de San Sadurniño distribuíu en forma de axudas entre …