Espectáculos do programa Apego, Narón

O programa colectivo Apego, impulsado en Narón a través do Servizo de Normalización Lingüística, xunto coa Coordinadora de Traballadores de Normalización da Lingua, para fomentar a transmisión do galego como lingua inicial, deseñou varias actividades para os meses de abril, maio e xuño.

A concelleira de Ensino e Bibliotecas, Mercedes Taibo, anunciou que se trata de seis propostas “que se desenvolverán no Centro Cívico Social do Alto, polas tardes, ás 18.00 horas, e para as que xa está aberto o prazo de inscrición”. A edil naronesa animou ás familias a anotarse, de balde, para desfrutar das diferentes propostas e destacou “a excelente acollida que sempre teñen as actividades do programa Apego na cidade”.

A primeira das actividades, tal e como indicou Taibo, será “Cantando con raíz en Narón”, o día 20 deste mes. Está recomendada para menores de 2 a 6 anos, que terán a oportunidade de achegarse ó cancioneiro tradicional galego e gozar das cancións propostas, para que non caian no esquecemento os ditos, recitados e cancións, que se concibirán novamente como un xeito de lecer e de expresión.

O día 27 deste mes terá lugar a segunda das propostas, “Brincadeiras da lingua”, un espectáculo para menores de 2 a 6 anos que ten entre os seus obxectivos dar a coñecer a gran riqueza e variedade de ditos e recitados da literatura popular infantil de Galicia e fomentar a súa práctica. Xogos verbais, contos, monicreques… forman parte dos recursos mediante os que se ofrece unha escolma dos ditos na serie de vídeos do mesmo nome, realizada por Migallas Teatro.

No mes de maio ofértanse outras dúas propostas, a primeira delas o día 4, “Contos para bebés”, pensado para menores de 1 a 4 anos. Caxoto recupera os momentos antes de deitarse dos nenos , poñer o pixama, limpar os dentes, fantasiar coas sombras da escuridade… cunha función cargada de misterios sin resolver e visitas inesperadas, que farán ó público viaxar á nenez.

A segunda proposta do mes de maio, o día 11, será “A galiña que pon ovos… de conto”, unha proposta narrativa e de creación artística para menores de 3 a 6 anos na que a protagonista é unha galiña moi especial, que vai á biblioteca, come letras e pon ovos que son personaxes de conto, cos que se irá enchendo unha caixa para contar un conto.

Finalmente, no mes de xuño terá lugar o día 8 a “Feira das sementes”, a feira máis pequena do mundo, onde nada se vende e as sementes se trocan por outras. Diríxese a menores de 2 a 6 anos e está protagonizado por Mirari, unha vasca que vive en Galicia e percorre o país coa súa feira de sementes, representando con marionetas os contos e cunha mensaxe final para denunciar o secuestro que algunhas multinacionais da alimentación fan de sementes representa “O rapto do centeo”.

A última das actividades do programa Apego deste mes de xuño será o día 15, con “Un bico para Alí”, sobre recursos en galego para educación infantil. Alí coñece a Antón, un neno cunha diversidade funcional que se manifesta nas súas dificultades de linguaxe e estrañada polo seu comportamento intentará axudalo botando man de contos, cancións e outros recursos. Esta proposta de narración oral e cancións diríxese a nenos de 3 a 6 anos.

As persoas interesadas en inscribirse nalgunha destas actividades deben escribir un correo electrónico á dirección: a.pita@naron.es indicando o nome da actividade na que desexan participar, o nome e idade do neno ou nena, o nome da nai, pai ou persoa que o acompañará á actividade, un enderezo electrónico e un teléfono de contacto. A participación será por estrita orde de inscrición en cada actividade.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …