III Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria de Narón

O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, anunciou os contidos da primeira das mesas que se celebrarán no “III Congreso Galego de Seguridade e Educación Viaria de Narón”, convocado para os días 19 e 20 de maio no Pazo da Cultura de Narón.

“Un novo modelo de espazo público” é a temática que se abordará nese punto do programa, o día 19 ás 11.30 horas, trala inauguración deste evento, para o que está aberto o prazo de inscrición, de balde, e sobre o que se pode consultar toda a información e mesmo apuntarse na web: congresonaron.gal

Este primeiro capítulo do congreso centrarase nos impactos ambientais, sociais e económicos ó redor da mobilidade que afecta as persoas e mercadorías e que están a levar ás cidades a un proceso de transición cara a modelos máis seguros, sostibles e eficientes. Ante esta situación, resulta clave comprobar os proxectos e programas que se realizan atendendo a estes novos modelos de mobilidade urbana.

A mesa contará cun relatorio introdutorio que facilitará o debate enmarcando o seu contido. Será a cargo da arquitecta e membro de Gea21, Isabela Velázquez Valoria, experta en proxectos de urbanismo sustentable, planificación territorial e deseño urbano.

En canto ó debate, estará moderado polo xornalista José Manuel Pan, encargado de noticias relacionadas coa seguridade viaria. Participarán no coloquio os alcaldes de Pontevedra e Sant Joan Despí, Miguel Anxo Fernández Lores e Antoni Poveda Zapata, presidentes ambos das redes de Cidades que Camiñan e pola Bicicleta. Xunto a eles estarán Jaime Armengol e Anxo Queiruga.

O primeiro é o coordinador do proxecto Mobility City, unha iniciativa de Ibercaja dedicada a difundir as novas formas de mobilidade, con sede no pavillón ponte da capital aragonesa, a emblemática obra da arquitecta Zaha Hadid sobre o río Ebro. Queiruga preside a Confederación Galega de persoas minusválidas e é unha das persoas máis influentes do estado en materia de accesibilidade universal.

A primeira sesión afondará en cuestións importantes como o deseño urbano e as características territoriais do viario, para garantir unha mobilidade e un uso do espazo á altura do noso tempo. Hoxe reclámase que as rúas e prazas non só sirvan para trasladarnos senón tamén para estar, xogar ou pasear, funcións que deben potenciarse minorando o espazo que se dedica á mobilidade motorizada e potenciando o dedicado a outro tipo de usos.

O dereito ó espazo público é un dos conceptos máis avanzados en relación ós asuntos da mobilidade. Trátase dunha reivindicación que consiste en situar este dereito á altura dos que na nosa sociedade son universais como a sanidade e a educación, para o que é necesario dispoñer dun espazo público abundante, seguro e xestionado desde a óptica da sustentabilidade

Lea también

109 participantes acuden ó XIX Torneo Cidade de Narón de Tiro con Arco

O pavillón polideportivo municipal da Gándara acolle este sábado 23, a décimo novena edición do …