Actos conmemorativos polo Día Internacional do Pobo Xitano

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a edil de Benestar Social, Catalina García, presentaron este mércores, día 6 de abril,  acompañadas por Lara López, traballadora social de Acción Familiar (AFA Ferrol) os actos que se celebrarán este venres, día 8, con motivo da conmemoración do Día Internacional do Pobo Xitano.

O Concello de Narón e AFA Ferrol organizan conxuntamente a convocatoria. Dende o goberno local incidiuse na importancia de celebrar esta data para reivindicar a igualdade e a plena inclusión do colectivo na sociedade.

Este venres ás 10.00 horas o salón de plenos do Concello acollerá o acto central, no que se realizará un recoñecemento a unha persoa de etnia xitana pola súa traxectoria. Estarán presentes na convocatoria mulleres que participan en accións formativas impulsadas polo Consistorio e dirixidas ó colectivo, como os programas “Empodérate” ou “Volve á clase” entre outros.

Elas serán as encargadas de ler no acto unhas frases a prol da igualdade de dereitos. No transcurso do mesmo tamén se proxectará un vídeo con fotografías de persoas que quixeron participar na iniciativa, portando mensaxes contra o racismo e o antixitanismo, a favor da liberdade…

A continuación, sobre as 11.00 horas os asistentes reuniranse no parque do río Freixeiro con máis persoas que se sumarán á Cerimonia do Río, na que se tirarán pétalos de flores ó cauce fluvial, ó seu paso polo citado parque, e donde tamén se tomará un “café xitano”.

A Cerimonia do Río mantense viva ano tras ano na cultura xitana para recordar ás vítimas xitanas da II Guerra Mundial e o éxodo polo mundo deste colectivo. A cita estará amenizada por un grupo musical integrado por rapaces de etnia xitana. En caso de que as condicións meteorolóxicas sexan adversas, o “café xitano” e a actuación musical levaranse a cabo nas instalacións do Centro Comunitario Manuela Pérez Sequeiros.

Nesta última ubicación, ás 12.00 horas, inaugurarase unha exposición cunha trintena de fotografías. Parte delas correspóndense coa mostra “Somos xitanos e xitanas de Narón e esta é a nosa historia”, do pasado ano, e a elas sumaranse outras da “Homenaxe ó pobo xitano de Narón”. Trátase dunha exposición cunha parte interxeracional, con imaxes de entrevistas a avós cos seus netos e netas e outra parte intercultural, con persoas de etnia xitana e doutras culturas (Senegal, Portugal, Cabo Verde…)

Os actos programados dende o Concello inclúen tamén unha actividade o sábado día 9 na Biblioteca municipal, donde a partir das 11.00 horas dará comezo “Opré Romá! unha proposta multidisciplinar para nenos a partir de 4 anos.

A finalidade desta iniciativa é visibilizar a desestigmatización do pobo xitano. As persoas interesadas en participar poden anotarse presencialmente ou chamando por teléfono á Biblioteca municipal 981 382 173

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …