O Concello de Narón retomou este martes, día 22 de marzo, as visitas de escolares da cidade, paralizadas dende 2020 pola pandemia da covid-19.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, recibiu no salón de plenos a un grupo de vinte e cinco menores de sexto de educación Infantil do CPR Santiago Apóstol, que estiveron acompañados por profesoras. A iniciativa forma parte do Programa de Recursos Educativos de Apoio á Escola fóra do horario lectivo, que inclúe un área de “Coñecemento do Concello” no que se enmarcan estas visitas.
Unha das novidades deste ano son as visitas dramatizadas “A abella Nara”, nas que están acompañados por “Nara”, unha abella de Narón, e un explorador. Eles son os encargados de recibir ós escolares á súa chegada ó Consistorio, donde se interesan polo grao de coñecemento da Casa Consistorial que teñen os nenas.
Tras unhas explicacións sobre o que é unha recepción ou un rexistro, o seu funcionamento, preguntas á policía local, sobre a contorna de Narón, e un tempo para xogos, os menores desprazáronse ó salón de plenos para ver o vídeo “A abella Nara”. Unha vez alí tiveron a oportunidade de conversar coa alcaldesa, á que lle preguntaron como chegou á Alcaldía, como facía para ser unha “supermamá” e alcaldesa, se lle gustaba o seu traballo, que é o mellor e o peor do cargo…
Ferreiro respostou a cada unha das preguntas que formularon as alumnas e alumnos, todos moi emocionados pola súa visita ó Consistorio e que previamente traballaron nas aulas aprendendo cousas do Concello.
Á saída do salón de plenos os menores realizaron unha fotografía no fotocall “Ti es a abella Nara”, para posteriormente trasladarse á planta baixa. Como agasallo institucional, antes de abandoar o Consistorio, as nenas e nenos recibiron unha gorra da abella “Nara” e exemplares do libro “Narón pinta ben” para colorear diferentes espazos e edificios municipais.
As visitas escolares continuarán desenvolvéndose este mes cun grupo se sexto de Infantil do CPR Jorge Juan e nos meses de abril e maio achegarase alumnado dos colexios Ponte de Xuvia, outro grupo do CPR Santiago Apóstol, e dos centros Virxe do Mar, e A Solaina.