O Concello de Narón incorpora tres triciclos eléctricos para a limpeza viaria

O Concello de Narón continúa avanzando no seu compromiso co medio ambiente, nesta ocasión coa incorporación por parte da empresa concesionaria do servizo de tres triciclos eléctricos para a limpeza viaria.

O concelleiro de Servizos, Ibán Santalla, explicou que as tres unidades “comezarán a funcionar a partir da vindeira semana nos paseos de Xuvia, Freixeiro e A Gándara”. Os operarios do servizo de limpeza viaria sairán cos triciclos eléctricos do cuartel habilitado na zona do Ponto, en Piñeiros, pola empresa concesionaria.

Santalla desprazouse ó paseo de Xuvia para comprobar a operatividade destes triciclos que, tal e como explicou, “dispoñen de dúas baterías e teñen unha autonomía de oito horas, o que fai que se adapten perfectamente ás necesidades do traballo”. O edil naronés recalcou que “teñen un excelente rendemento en zonas dotadas de gran cantidade de papeleiras, porque permiten unha maior axilidade no desprazamento dos operarios, evitándolles ter que vaciar unha por unha, as papeleiras no contenedor”.

Os triciclos, tal e como apuntou Santalla, levan incorporado un portacontenedor cunha capacidade de 90 litros, un porta-barredoira e pala, e teñen unha roda dianteira antipinchazos e chasis de aluminio. “A calidade do servizo mellorará coa entrada en funcionamento destes triciclos, dando paso á aplicación dun sistema máis sostible co medio ambiente, favorecendo a redución da pegada de carbono na cidade, ao non contaminar, e apostando polo desprazamento urbano sostible”, apuntou o concelleiro de Servizos.

Nesa mesma liña, recordou, entrou tamén en funcionamento hai uns meses unha barredoira tamén eléctrica.

Lea también

O Pazo da Cultura acolle a “XXXV Gala do Deporte de Narón”

O Pazo da Cultura de Narón acolle este venres 22 unha nova edición, a trixésimo …