Maribel Mouriz Prieto «Muller do Ano de Narón»

O salón de plenos do Concello de Narón acolleu este martes, día 8 de marzo, ás 12.00 horas, o acto central organizado polo Concello con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu a convocatoria, no transcurso da que se nomeou á naronesa Maribel Mouriz Prieto “Muller do Ano de Narón”. Ó acto acudiron a edil de Igualdade, Mar Gómez, e outros representantes do grupo de goberno, así como familiares e amizades da homenaxeada.

Nacida en Ortigueira, Maribel Mouriz chegou a Narón con 14 anos, donde reside dende entón. Presidenta dende o ano 2009 da AVV Virxe de Fátima de Freixeiro, vicepresidenta da Sociedade Cultural Areosa, de Piñeiros, representante e organizadora da comparsa Os Parrandolos, da citada parroquia, vogal delegada para Ferrolterra da Federación Coral Galega e representante das entidades culturais de Narón na Xunta do Padroado da Cultura constatan a implicación e o forte vínculo da homenaxeada co tecido asociativo e cultural da cidade. Así mesmo, foi unha das impulsoras da revitalización da tradicional festa dos Maios, que se celebra con motivo da chegada da primavera.

Maribel desprazouse ó Concello co fin de realizar uns cambios nun convenio de colaboración da AVV. Trala sorpresa polo nomeamento, deu as grazas por esta distinción e asegurou descoñecer o acordo adoptado no pleno para o seu nomeamento como Muller do Ano.

Hai moitas mulleres merecedoras desta distinción, non desconfiei que fose para min”, asegurou unha emocionada Maribel, que estivo arroupada por familiares e amizades. Antes de rematar o acto a edil de Igualdade entregoulle un ramo de flores e a alcaldesa deulle unha réplica da escultura “Anduriña”, realizada polo escultor naronés Manuel Patinha, cunha placa na que figura o seu nomeamento como Muller do Ano de Narón.

Ferreiro deulle os parabén pola distinción subliñando que “espero que te faga sentir aínda máis orgullosa, se cabe, desta túa cidade” e reiterou o seu agradecemento “por estar sempre aí e pola túa disposición a colaborar e manter vivo o tecido asociativo de Narón”.

Con motivo do 8M pódese ver dende hoxe na praza da Gándara a mostra “Mulleres de Narón”, que ó longo deste mes se levará a outros barrios e parroquias da cidade. Entre os contidos da mesma, formada por dezaseis paneis expositivos con imaxes e información agrupadas en catro tótems, están os recursos municipais ante situacións de desigualdade ou violencia de xénero; información sobre a Revolta das Pedradas e sobre un estudo de conciliación durante a pandemia; e contidos relacionados coa conmemoración do 8M.

Así mesmo, na praza da Igualdade pódese ver o resultado do traballo de escolares de sexto de Primaria do CPR Santiago Apóstol, que realizaron o mural “Narón x Igual”. Con motivo da conmemoración do Día Internacional da Muller, esta tarde-noite iluminaranse de cor malva a Casa da Cultura, o Pazo da Cultura, a glorieta de Freixeiro e o edificio do Xulgado de Paz.

Pola tarde do citado día tamén se sucederán na Ludoteca Municipal da Solaina e na Axencia de Lectura municipal da Gándara os actos conmemorativos do 8M. Na Ludoteca desenvolveranse esta tarde, de 16.15 a 18.00 horas, actividades artísticas. “Creando igualdade” é o título da dirixida a menores de 3 a 12 anos e que consistirá na elaboración de marcapáxinas e dun xogo tradicional do comecocos no que se introducirán preguntas e retos relacionados coa igualdade de xénero (“Comecocos pola igualdade”).

Na xornada deste mércores, día 9 de marzo, e o xoves 10, tamén haberá (nese mesmo horario) a actividade “Destruíndo estereotipos”, contos son soporte audiovisual para reflexionar sobre a igualdade de oportunidades e o respecto ás diferencias: “Rompecontos”; e “Feminismos reunidos”, xogos educativos de mesa para traballar valores como a igualdade, a xustiza e a paz.

Na Axencia de Lectura municipal da Gándara este mércores 9 e xoves 10 de 17.30 a 18.30 horas haberá  xogos de mesa sobre a temática da igualdade “Xogamos a partida da Igualdade”, con dúas propostas, “Iguais” menores a partir de 4 anos e “O misterio das mulleres invisibles” menores a partir de 7 anos e para cuxa asistencia é precisa inscrición previa.

A partir das 16.00 horas deste martes 8M poderase reservar praza para asistir ó contacontos “Contos vellos, novos finais”, programado para este sábado, día 12, ás 11.00 horas na Biblioteca municipal. Trátase dunha proposta para público familiar e infantil (a partir de 3 anos) a cargo de Caxoto Contacontos na que se versiona o argumento e os finais de contos clásicos. As reservas poden facerse de xeito presencial na Biblioteca ou chamando ó número de teléfono 981 382 173 no horario de apertura.

Na área cultural, este venres poderase ver no Pazo o monólogo, “Música para fiambrería-Un policial verde” ás 20.30 horas protagonizado por Lucía Trentini (Uruguay), que interpretará a tres mulleres con tres historias que se entrelazan para contar un crime nacido da desesperación e o desamor. Esta peza enmárcase na sétima edición do Festival Internacional do Monólogo Teatral Singular e visibiliza a temática da igualdade, ó igual que o farán os programados para os días 19 de marzo, “La ciudad de las damas” ás 20.00 horas; o 25, “Guerra de identidade” ás 20.30 e o 26 deste mes ás 20.00 “Bravas”.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …