Facer cousas, facelas mal

Rubén Gasalla (*)

O outro día cambiáronme o ordenador do traballo. Seica o modelo do 2013 que usaba era xa unha reliquia, así que me tiveron un cuarto de hora arrombado por alí sen poder facer nada mentres na pantalla se sucedían actualizacións e copias. Atopei unha axenda do 2018 ciscada e un rotulador, así que me puxen a debuxar aos meus compañeiros. Soa atractivo escribilo, un pensa en trazados áxiles e eficientes e nun resultado final digno de deixar ben á vista. O certo é que os meus acabaron por ser un crime contra o bo gusto. 

Probei primeiro cun corpo enteiro de perfil. O cu estaba tan arriba que case chegaba ao peito, que á súa vez substituía monstruosamente o pescozo. No segundo corpo nin sequera sabía onde colocar os brazos, así que deixei un torso sen extremidades. Os compañeiros que intentaba representar sentíronse xustificadamente ofendidos polos retratos. Decidín que debía deixar os corpos a un lado, hai que saber escoller batallas, así que restrinxín a miña labor creativa ás cabezas. Collín a outro compañeiro incauto, alleo ao sucedido, e debuxeino nuns poucos segundos. O ollo, os beizos e o nariz prometían, sentín a inspiración atravesarme. Logo continuei pola fronte, o pelo e a caluga e o retrato mutou nun enxendro deforme. Nico, primeiro dos compañeiros ofendidos e viñetista deste xornal, colleu este último retrato e dixitalizouno. Nun par de minutos o meu monstro monocromo convertérase nun debuxo moi lindo, que por riba coloreou nuns segundos, facendo aparecer o volume. 

Abrumado pola comparación do antes e o despois, decidín cambiar a perspectiva, botándolle a ela a culpa das deformidades perpetradas. Abandonei o que logo denominaría a miña “etapa perfilada” para abordar a frontalidade. O caso é que me comezou a gustar o que saía. Os trazos grosos do rotulador agochaban debidamente o meu pulso feble e enchían a páxina con poucos rasgos. Fixen tres debuxos seguidos e resultaron saír, sen pretendelo, moi similares. As caras eran asimétricas, tiñan os ollos dun tamaño enorme e os beizos, orellas e narices gardaban moita coherencia entre si.

Ao día seguinte, no descanso do café, fixen un par de debuxos máis, mais non porque os anteriores tiveran boa acollida na oficina. A crítica oscilaba entre as chanzas pola escasa semellanza e a asignación da etiqueta art brut para definir o meu estilo. E, aínda así, eu sentín orgullo das miñas creacións, supoño que por unha mestura entre o entretido que fora o proceso e a involuntaria coherencia estética que unía aos debuxos.

Esta historia fíxome pensar na miña relación coas artes. A primeira representante destas disciplinas na miña vida foi Ana. Non lembro o seu apelido, mais si que viñera dende Lugo a Trabada para dar clase de música e plástica. Tamén lembro que era moi alta e fraca, con abundante pelo crecho e loiro, e que os seus lentes grosos descansaban sobre un prominente nariz vermello. O seu principal mérito foi o de converterse na mestra á que máis odiei na miña vida. Bueno, a dicir verdade podería compartir tal galardón coa outra Ana, tamén de Lugo, que viñera a Trabada a dar clase de ximnasia. Algo tiña o noso concello que atraía coma ningún outro a imbéciles. Cada unha delas, dentro das súas disciplinas, conseguiron que o meu odio se transmitise doadamente dende as súas persoas ao que ensinaban, aceptando que o deporte, a música e o debuxo desaparecerían da miña vida ao rematar a ensinanza obrigatoria.

Non vos creades que tal odio ía só nunha dirección, lembro ducias de momentos nos que os seus comentarios me facían sentir ganas de empregar a miña frauta de pasta como arma de curto alcance. Encargáronse de repetirme en moitas ocasións, seguro que máis das que lembro, que o meu nivel en todas aquelas disciplinas era completamente deficiente. 

Moitos anos máis tarde fun a unha escola da Coruña para aprender a tocar o baixo eléctrico e, logo dos sufrimentos iniciais, descubrín que o oído e os dedos comezaban a desenvolverse con xeito. Incluso, para a miña sorpresa, tamén a voz era quen de dar algunha nota onde debía. Co debuxo xa retomara contacto o ano pasado, cando merquei un lote pequeno de lápises Alpino e unha libreta de tapa dura porque me apetecía debuxar paxaros. Agora semella que son as persoas as que me interesan. Vendo como desfruto destas actividades cústame entender como as puiden odiar durante dúas décadas. Pode que os ríxidos esquemas de ensinanza e avaliación daquelas dúas Anas fosen bos para identificar ós futuros profesionais desas áreas; mais ao prezo de deixar fóra moito, quizáis demasiado. 

Facer cousas mal, sen poder nin querer sacarlles rédito económico, sen poder nin querer chegar á perfección técnica, sen ir máis aló do “facer por facer”, é unha idea moi contracultural nos nosos tempos capitalistas. Fai uns meses un bo amigo compartiu comigo unha entrevista a Iggy Pop no ano 1978 no que amosa esta idea dun xeito moi fermoso. Ante a pregunta polo seu estatus como primeiro punk, Iggy Pop responde: “Representa a idea de alguén que quere facer algo con moita forza, mais sen ter as habilidades para facelo. E, polo medio, cousas divertidas acaban pasando.”

(*)-Rubén Gasalla (Trabada, 1992). Graduado en Comunicación Audiovisual pola UDC no 2015. Retocador fotográfico en Pull&Bear. Antes diso experiencia en rodaxes audiovisuais galegas e fotoxornalista na Voz de Galicia.
Militante do BNG e delegado sindical da CIG nas oficinas de Pull&Bear en Narón

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …