Homenaxe a Rosalía con música e lectura colectiva dos seus poemas, San Sadurniño

Arredor de medio cento de persoas reuníronse no mediodía deste mécores, día 23 de febreiro, no patio interior do Concello de San Sadurniño para renderlle tributo a Rosalía Castro no seu 185 aniversario.

Unha data que se celebrou convidando a veciñanza a ler e cantar os versos que nos leigou, cargados de sentimento e tamén de ideas que só agora, 137 anos despois do seu pasamento, empezamos a recoñecerlle como avanzadas ó seu tempo.

Aí está a Rosalía que plasmou unha visión de país máis aló do folclorismo romántico, a Rosalía que se puxo de parte das persoas máis desfavorecidas, a Rosalía que soubo ver as desigualdades ou a Rosalía que se enfrontou ó patriarcado, familiar e social, escribindo, facéndoo en galego e en clave abertamente feminista en boa parte da súa obra.

Todas esas Rosalías que son en verdade unha mesma e única escoitáronse no patio do consistorio repasando os seus poemas máis coñecidos e tamén outros que non se o en tanto, pero que igualmente son cargas de profundidade remexedoras de conciencias.

A quenda abriuna o alcalde, Secundino García, pedindo escusas anticipadas por «non ser precisamente un bo recitador». Elixiu un fragmento do Castellanos de Castilla «nestes días que está tan revolto o aire por aló», no que a autora se laia do maltrato recibido polos galegos que ían á seitura como rosas e regresaban dela «como negros».

Tralo alcalde tocoulle a vez ás nenas e nenos da EIM A Rolada. Criaturiñas que aínda non saben ler, pero que contestaban en grupo e sen dubidar á pregunta de quen estaba hoxe de aniversario: «Rosaliaaaaa!». Foi Lucía Formoso, a directora da escola, quen representou o centro lendo un anaco de Negra Sombra.

A partir dese momento foron pasando por diante do micrófono outras 28 persoas máis, veciños, persoal municipal, representantes de colectivos, etc, para declamaren cadanseu fragmento da obra rosaliana, compoñendo así un mosaico da súa poesía e das varias capas semánticas que se superpoñen nela.

O grupo máis numeroso foi o do alumnado de 2º da ESO do CPI de San Sadurniño quen, ademais de recitar, tamén se sumou ó coro de Cantos de Taberna para interpretar a versión de Uxía Senlle de aquela «No bico un cantar» á que lle puxo música Luis Emilio Batallán.

A peza soou tres veces en distintos momentos dunha homenaxe a Rosalía que clausurou Amparo Calvo, Concelleira de Cultura, xusto cando o reloxo da igrexa parroquial daba a unha da tarde. Fíxoo agradecendo a participación no acto e lendo o seguinte poema de Follas novas:

Cada cousa no seu tempo

Do alegre maio unha alborada fresca
foite a sorrir no outono malencónico,
e por nadal os membros ateridos
quentache ben contente a un sol de agosto;
despóis tembraches espantado, e fuches
buscando a sombra inquieto e pesaroso;
mais a mamoria preguizosa, tarde
trouxera ó teu recordo
que aqueses cambios bruscos,
raros e intempestuosos,
de loitos e pesares nesta vida
sinal segura eternamente fonon.
E tras daquel calor que che emprestara
no inverno un sol de agosto,
só sentiche da frebe o mortal frío
que helóu hastra os teus osos.

As cousas no seu tempo
i as feras no seu tobo.

O tributo a Rosalía Castro, poñémolo sen o «de» porque era así como ela asinaba, continuará ata o remate deste mes de febreiro cunha pequena exposición sobre a escritora que pode visitarse na galería do primeiro andar do Concello nos horarios de apertura das oficinas municipais.

Lea también

Cita este domingo en Valdoviño en la Puerta del Sol con el Feirón mensual

Jóvenes de 4º de la ESO del CPI Atios participan con un puesto de venta …