Ramón Loureiro. Vinte e cinco anos de literatura

O sábado 19 de febreiro, festividade de san Álvaro de Córdoba e onomástica do gran Cunqueiro ―talvez o mellor contador e cr eador de historias que deu esta lendaria e máxica terra galega―, ás doce do mediodía, celebra en Ferrol Ramón Loureiro vinte e cinco anos de literatura e presenta o seu libro “Las máscaras del fin del mundo”, nun acto moi agardado que organiza o Club de Prensa da cidade ―en Fene, o Concello do seu Sillobre natal, xa se lle fixo esta homenaxe o 23 de setembro do ano pasado e ao longo deste 2022 tamén se repetirá en varias cidades de Galicia e en Madrid― no Salón Carlos III do Museo Exponav. Alí estaremos moitos dos que o queremos ben.

Neste longo e frutuoso camiño creativo, no que obtivo o Premio Julio Camba de Periodismo, Ramón Loureiro, ademais das súas colaboracións habituais como xornalista, articulista e fotodocumentalista en “La Voz de Galicia”, regalounos unha chea de historias contadas en galego e tamén en castelán ―así e todo, mesmo cando escribe na lingua de Cervantes, consonte lles pasaba tamén a Camilo José Cela, Gonzalo Torrente Ballester ou a Álvaro Cunqueiro, a nosa lingua, a que el mamou de neno, sempre está presente―, como as narradas en “Morgado”, “O corazón portugués”, na “Trilogía del Norte” ―“Las galeras de Norman-día”, recreada desde a súa versión orixinal en galego, “León de Bretaña” e “El lejano reino de la Vía Láctea”―, “La asombrosa conquista de la Isla Ballena” ou “Al Rey de los Ángeles”, entre moitas outras.

 

No libro que neste acto presenta, escrito en primeira persoa, “Las máscaras del fin del mundo”, que é un diario, unha novela e asemade unha obra poética, a vida e as historias que se contan acontecen, igual que na “Trilogía del Norte”, na Terra de Escandoi, onde, como ben di no epílogo Xulio Válcárcel, nese territorio avesío, bretemoso, no que ensancha os seus dominios o lobo e vixía insomne o Home dos Ollos de Alabastro, a realidade se confunde coa fantasía e a vida coa morte. Os mortos viven na mesma medida na que os vivos estamos mortos. Por iso, vida e morte non son dúas realidades antagónicas, senón unha realidade común. Entre a vixilia e o sono, chégannos as voces e sentimos as mans dos nosos devanceiros” (tomado e traducido de Ramón Loureiro: “Las máscaras del fin del mundo”, A Coruña, 2020, p. 247).

Familia

Nun territorio literario pero tamén moi real, que vai desde a súa casa natal do Forno de Pedre, en Sillobre, ata o Mondoñedo de Cunqueiro, frei Antonio de Guevara ou Cal Pardo, e que nos permite “estar unhas veces na Última de Todas as Bretañas Posibles, e xa que logo na Galicia do Norte; outras veces no Reino da Vía Láctea, que como a ninguén se lle oculta é o seu Envés; e outras, por último ―poida mesmo que nas máis das ocasións―, a metade de camiño: é dicir, no medio do que tantos chaman realidade e do que se coñece, entre eses mesmos ou entre outros, como ficción, imaxinación ou soño” (Idem, p. 22), desfilan animais ―o lobo, o corzo, o xabaril, o cabalo, a rula ou a garza―, personaxes literarios das súas novelas ―León de Bretaña ou o príncipe de Caldaloba e as súas dúas cabezas―, algúns dos seus mellores amigos ―Carlos Casares, Cal Pardo, Uxío García Amor, Basilio Losada, Luz Pozo Garza, Ramiro Fonte, Darío Xohán Cabana, Alfredo Conde, o anterior deán de Santiago Segundo Pérez, Moncho Pernas, Julio das Abellas ou Logh Itoh― e os seus mortos ―Madriña do Ceo, Padriño Cándido, Madriña a Nova ou Padriño Ramón―, nomeadamente a súa nai, “cuxa voz por desgraza tamén me vai quedando cada vez máis lonxe; aínda non esquecín como as historias que nos contaba de nenos as situaba nos lugares máis recoñecibles ou veciños, para que nos sentísemos parte delas” (Idem, p. 31).

O relato discorre cunha gran coherencia narrativa, malia que ás veces puidese parecer que algúns dos capítulos ou secuencias son intemporais e susceptibles de situárense en calquera outro lugar. Malia que o diario non adoita citar as datas exactas dos acontecementos narrados, si hai algúns sucesos que nos permiten fixalas cunha mera consulta da hemeroteca. A min fíxome unha ilusión especial ler a lembranza que se fai dun evento que acontecera o 9 de setembro de 2017 e no que eu tiven a fortuna de estar presente, “un día de emocións moi intensas porque foi cando estivemos recordando ao noso querido Ramiro Fonte en Pontedeume, na vila na que el naceu e cuxa biblioteca municipal, a antiga Cátedra de Latinidade, leva agora o seu nome, que quedou escrito con letras de bronce na fachada do edificio” (Idem, p. 101).

 

Homenaxe a Ramiro Fonte

Tamén atopou Loureiro espazos para a maxia e a fantasía, por exemplo cando contou que “para xeral asombro da Vila dos Andrade e todo o seu alfoz, os Mómaros de Pontedeume saíron sos á rúa, sen levar a ninguén no seu interior que se encargase de mover o seu monumental armazón de xigantes de tea, ferro e cartón pedra; e por arte de maxia percorreron, bailando en círculos, as principais rúas do casco histórico eumés, entre os aplausos e as aclamacións do entusiasmado público presente. Sorriron todo o tempo” (Idem, p. 113).

A serea da casa de Mugardos, que eu identifiquei nas miñas “Lendas das Terras do Eume” coa que habitaba nas inmediacións das Mirandas, na ría de Ares, aparece tamén nunha das historias do diario cando fala da “serea de fermosos peitos espidos que aínda hoxe contempla o mar desde o alto escudo da súa casa, onde o vento lle peitea a súa melena de pedra” (Idem, p. 154).

Así e todo, a maxia, a fantasía e mesmo a lenda deixan tamén decote un espazo para as fondas reflexións sobre as calamidades do planeta, como esta que refire o desacougo que lle produce “que haxa tantos dirixentes de grandes potencias do mundo que falan un día si e outros tamén das súas armas nucleares. Oxalá lles preocupasen tanto as persoas ―e en especial os nenos― que pasan fame” (Idem, p. 148).

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …