É unha revolta?

Rubén Gasalla (*)

Cóntase que cando un vasalo foi informar a Luis XVI da toma da Bastilla, o desconcertado rei preguntou:

É unha revolta?

Ao que o vasalo respondeu:

Non, é unha revolución. 

Non se sabe se isto foi certo ou forma parte das lendas apócrifas que dan vida aos pesados manuais de historia. Verdade ou non, a anécdota dá conta da falta de contacto coa realidade que a coroa francesa tiña pouco antes de perder a cabeza. Visto en perspectiva é doado rir con estas historias, como con aquela outra na que María Antonieta respondía ás queixas de que o pobo non tiña pan coa sentenza: «pois que coman brioches.»

A visión omnisciente que nos dá estudo da historia desaparece cando somos nós os que estamos presenciando e interactuando co que será estudado dentro duns anos. Durante estas semanas recibín moitas preguntas sobre a reforma laboral que un desorganizado Congreso acaba de aprobar.

– Que cambia a reforma laboral?

Non podo máis ca simpatizar con esta pregunta. Eu mesmo, como delegado sindical, tiven que navegar entre insufribles crónicas cheas de termos xurídicos e outras construídas unicamente cun discurso emocional, non menos insufribles, para responder á pregunta con xeito. Tampouco dende os sindicatos críticos somos quen, moitas veces, de traducir unha linguaxe tan espesa que acaba por asfixiar ao incauto que se atreve a adentrarse no BOE.

Logo de varias semanas cheguei por fin a unha resposta condensable nun audio de quince segundos: a reforma só nos trae a ultraactividade dos convenios e os contratos fixos-discontinuos. Recuperar a ultraactividade supón, en linguaxe normal, que os convenios seguirán en vigor aínda pasado o prazo para o que foron aprobados, algo que perderamos na reforma do 2012. Un convenio caducado implicaba, case sempre, que empeorasen as condicións: salarios, vacacións, permisos… 

O dos contratos fixos-discontinuos, pola súa banda, reemprazará aos distintos contratos eventuais que tiñamos. Acabará isto co problema da temporalidade? Pois non, só lle dará outro nome. As persoas que sofren este tipo de contratos seguirán a ter unha economía oscilante, suxeitas á inseguridade e á precariedade; cuestións que se agoacharán tras unhas estatísticas insondables, mais cheas de cor.

O que me leva máis tempo responder é á pregunta: 

– Que non cambia a reforma laboral?

Hai moitas condicións que esta reforma non recupera, sinalarei só as máis ofensivas: as indemnizacións por despedimento, a lexislación dos EREs e as prevalencias dos convenios fortes. Na reforma do 2012 pasabamos dunha indemnización de 45 días por ano traballado a outra de 33 e dun tope máximo de 42 mensualidades a outro de 24. A tradución deste xogo numérico é que somos despedidos cunha indemnización que é case a metade da que recibiriamos dez anos antes na mesma situación. Que nese mesmo periodo o IPC subira máis dun 14% dá conta do que supón manter este punto. 

Antes das reformas do 2010 e do 2012 non só era máis caro despedir a alguén, senón que tamén era máis difícil. As facilidades incluídas nesas reformas amplificaron a inseguridade laboral desta última década, sementando o noso mapa de EREs. A nova reforma non elimina esta facilidades, como tampouco recupera a prioridade dos convenios máis fortes sobre os máis febles. Convenios febles que, por certo, acostuman a ser asinados, aplaudidos e celebrados por UGT e CCOO.

Mais o certo é que, polo menos, esta reforma non empeora as condicións laborais previas, algo que se convertera en tradición. Incluso haberá quen diga que, sendo isto así, as súas escasas medidas ben poden ser ignoradas. Mais o grande problema desta reforma non é o seu contido, senón máis ben todo o que queda fóra das marxes xustificadas do BOE. Non tocar as indemnizacións, os despedimentos colec-tivos ou as prevalencias dos convenios supón, precisamente, perpetuar os recortes herdados nestas áreas. Neste caso non avanzar implica necesa-riamente retroceder e unha reforma executada por unha ministra que se auto-denomina comunista e que vén avalada coa linguaxe tramposa do «diálogo social» mata toda esperanza de recuperar o perdido en futuras leis. 

E, con todo, a esquerda española semella estar de celebración. Xornais, televisións e redes sociais publicitan unha lei salvífica. Unha victoria que custa crer vendo como é a propia patronal a máis satisfeita co documento. Non tan satisfeita, claro, coma a ministra Díaz, que ata non fai tanto criticaba á súa predecesora por manter con vida a reforma do 2012. O seu discurso vehemente de fai un ano, fose esquecido ou máis ben traizoado, pouco importa; o triunfalismo atravesa agora as redes sociais, os debates televisivos e os editoriais. Sobre este punto quizáis sexa útil lembrar o que Gil Scott-Heron cantaba fai unhas décadas: “a revolución non será televisada”.

(*)-Rubén Gasalla (Trabada, 1992). Graduado en Comunicación Audiovisual pola UDC no 2015. Retocador fotográfico en Pull&Bear. Antes diso experiencia en rodaxes audiovisuais galegas e fotoxornalista na Voz de Galicia.
Militante do BNG e delegado sindical da CIG nas oficinas de Pull&Bear en Narón.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …