«Conecta coa vida» campaña sobre uso preventivo de dispositivos móbiles en Narón

O Concello de Narón e a Asociación Ferrolana de Drogodependencias (Asfedro) levarán a cabo nos vindeiros meses unha nova iniciativa vencellada ó convenio que teñen asinado as dúas entidades.

Trátase da campaña «Conecta coa vida”, coordinada dende o Servizo Sociocomuntario de Narón e que este xoves día 13 de xaneiro, presentaron no Concello o edil de Sanidade, Santiago Galego, a presidenta de Asfedro, Sari Alabau e Rebeca Graña, educadora social da citada asociación.

A campaña “Conecta coa vida” é a fase final, á súa vez, dunha campaña de sensibilización do uso de dispositivos móbiles, que se levou a cabo baixo o lema “Fóra de onda” e na que participou alumnado de cuarto da ESO do CPR Jorge Juan.

Galego recordou que un total de dezasete alumnos se implicaron nesta iniciativa no propio centro escolar, cunha liña de actuación que xirou en torno a tres eixos: manexo de conceptos sobre tecnoadiccións, organización e planificación do proceso creativo da campaña de sensibilización e produción, elaboración e presentación do deseño.

“O alumnado deseñou seis cartaces e posavasos cun deseño gráfico propio no que explican diferentes condutas que experimentan as persoas que fan uso dos dispositivos móbiles dun xeito abusivo”, explicou Galego, destacando a importancia de recoñecer canto antes esas condutas para poñerlles freo e evitar danos maiores. Vibranxeti, Vamping, Phubbing, Nomofobia, Sexting e Hoax son os termos sobre os que se fai especial incidencia nesta campaña, na que se explica en que consisten e tamén que podemos facer para evitalos.

A presidenta de Asfedro destacou a colaboración do Concello incidindo no feito de que “é moi importante o traballo de prevención porque é fundamental para evitar que esta lacra avance”. Ó mesmo tempo, calificou de “moi interesante” a campaña “Conecta coa vida” que xa chegou, tal e como recordou “a moitas alumnas e alumnos da cidade e con moi bos resultados”.

Pola súa banda, a educadora social de Asfedro explicou que se trata “dunha campaña en clave humorística, con terminoloxía moi chamativa que conecte coa xente á que queremos chegar”. Sobre a mesma, destacou que “permitirá traballar o tema das novas adicións comportamentais centrándose no tema neste caso dos móbiles porque son a porta de entrada doutras adiccións ás que se accede a través destes dispositivos”.

Este mesmo mes comezará a repartirse a cartelería da campaña “Conecta coa vida. O uso do dispositivo cun enfoque preventivo” nos centros de ensino de Secundaria da cidade e nos locais de hostalería que habitualmente frecuentan en Narón as rapazas e rapaces tanto na zona urbana como na rural. Así mesmo, nestes establecementos tamén se entregarán posavasos para sensibilizar ó colectivo nos lugares que frecuenta.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …