Alumnos do colexio da Gándara obtiveron o martes, día 11 de xaneiro, o primeiro premio das “III Olimpíadas de Educación Viaria” organizadas polo Concello de Narón. A fase final desta convocatoria celebrouse esta mesma mañá, dende as 10.00 horas, no Pazo da Cultura, quedando clasificados en primeiro lugar o colexio da Gándara, en segundo o Ponte de Xuvia co terceiro o CPR Ayala.
O concelleiro de Seguridade Cidadá, Román Romero, e a edil de Ensino, Mercedes Taibo, foron as persoas encargadas de entregar os diplomas e algúns dos agasallos xunto con representantes das empresas colaboradoras. Un alumno da Escola de Formación de Actores e Actrices de Narón foi a persoa encargada de conducir o evento, que este ano se retransmitiu vía streaming.
Mercedes Taibo foi a encargada de entregar os diplomas ós centros participantes nesta edición das olimpíadas, Ponte de Xuvia, Jorge Juan, Ayala, Virxe do Mar, A Solaina, O Feal, A Gándara, Piñeiros e O Val e Román Romero entregou os diplomas dos tres premios desta edición, se ben os agasallos, para a aula, os entregaron a edil de Ensino e representantes das empresas colaboradoras.
Un total de 308 escolares de cuarto e quinto de Primaria de nove centros de ensino da cidade participaron na terceira edición das Olimpíadas Escolares de Educación Viaria, iniciadas o pasado mes de outubro e nas que colaboraron un ano máis a Fundación CNAE (Confederación Nacional de Autoescuelas) e varias empresas.
O alumnado recibiu dende o pasado mes de outubro formación teórica nas aulas sobre cinco bloques: educación viaria (normativa de peóns, ciclistas, pasaxeiros e vehículos de mobilidade persoal); medio ambiente (reciclaxe, punto limpo e tanques de tormenta); igualdade (xogos Quen é ela? e O misterio das mulleres invisibles); Matemáticas aplicadas ó programa de educación viaria (coñecementos básicos de problemas sobre tempos e medidas métricas) e Inglés (vocabulario e gramática para dar direccións).
Nos meses de outubro e novembro levouse a cabo a fase formativa, tamén puntuable, para a continuación realizar unha gincana con bicicletas que consistiu nun circuíto virtual tamén puntuable. Finalmente este mércores, día 12 de xaneiro, o alumnado dos centros, seis menores por cada colexio, participaron na última fase, respostando a trinta preguntas tipo test para obter unha puntuación que, sumada á das fases anteriores, determinou ós gañadores desta edición das Olimpíadas de Educación Viaria.
O edil de Seguridade Cidadá, Román Romero, encargouse de pechar o acto trala entrega dos diplomas e os agasallos, felicitando ó alumnado dos centros de ensino da cidade pola súa implicación nas olimpíadas. Romero destacou tamén o traballo realizado polas persoas que participaron na fase teórica e na gincana e a colaboración dos centros de ensino da cidade, do equipo de Educación Viaria de Narón, da Fundación CNAE, das empresas que se sumaron a esta convocatoria e da Escola de Formación de Actores e Actrices do Padroado da Cultura de Narón
“Grazas a todas e todos puidemos celebrar un ano máis estas olimpíadas, que confiamos en que o vindeiro curso poidan ser totalmente presenciais e que consideramos que ofrecen unha formación moi necesaria en materia de educación viaria” subliñou.