Os Reis Magos desprazáronse este mércores, día 5 de xaneiro, o Pazo da Cultura de Narón, donde recibirán ós nenos en horario de mañá e de tarde, nun espazo habilitado para tal fin na Cidade dos Agasallos.
A partir das 11.00 e ata as 14.00 horas pola mañá e dende as 16.30 ata as 21.00 pola tarde, Melchor, Gaspar e Baltasar conversarán cos menores, que foron entrando no Pazo tras reservar previamente unha entrada e seguindo un protocolo establecido para o evento.
A alcaldesa, Marián Ferreiro, desprazouse ó Pazo para recibir ás Súas Maxestades de Oriente no momento en que chegaron a Narón, acompañándoos pola Cidade dos Agasallos ata os seus tronos, instalados para a ocasión.
Ás 11.00 horas chegaban os primeiros nenos ó Pazo, donde eran recibidos polos paxes reais que os acompañaban a depositar as súas cartas no buzón real, no caso daqueles que aínda non o fixeran. Unha vez dentro, segundo as quendas establecidas para as familias, atravesaban a Cidade dos Agasallos ata chegar ós tronos nos que estaban Melchor, Gaspar e Baltasar.
Os Reis Magos interesábanse polo nome dos nenos, por como se portaron durante o último ano e polos agasallos que solicitaron nas súas cartas. Os menores respostaban a cantas preguntas lles facían e comprometíanse, tal e como lles solicitaban, a deixarlles algo para poder repostar forzas nas súas casas e tamén a deitarse cedo esta noite. Trala conversa e as pertinentes imaxes de recordo do momento, as familias saen do Pazo por unha zona habilitada para evitar que se crucen no percorrido.
As entradas para poder ver ós Magos de Oriente puidéronse reservar, de balde, dende o pasado 27 de decembro na billeteira do Pazo da Cultura, co fin de organizar o gran recibimento programado para hoxe.