A sombra do peregrino ao pé da catedral de Santiago de Compostela

José Fonte Sardiña
Malia que a lenda máis coñecida, que xa contei eu aquí unha vez, sobre a sombra que se aparece todas as noites ao pé da Berenguela, a torre do Reloxo, a carón da Porta Santa da catedral compostelá, co hábito de peregrino e o bordón coa cabaza na man dereita, é a que conta que se trata dun cóengo do Cabido da Catedral que agarda inutilmente desde xa hai un par de séculos por unha noviza de San Paio de Antealtares que lle prometera fuxir con el para vivir libremente o seu amor, abandonando as súas respectivas vocacións, e que no último momento se arrepentira e decidira profesar definitivamente como monxa, hai tamén quen di que é a do nobre francés Léonard du Revenant.

Seica na segunda metade do século XV este rapaz, fillo bastardo do duque de Borgoña,
Carlos I o Temerario ―na imaxe―, envelenara o seu pai putativo Leon du Cornu para
cobrar a súa herdanza. Non obstante, a falcatruada non lle saíu ben porque foi
descuberto e condenado a cadea perpetua. Así e todo, a intercesión do seu verdadeiro e moi poderoso pai logrou que a pena lle fose conmutada, como era habitual na Idade
Media e nos conta tamén o sermón ‘Veneranda dies’ do “Códice Calixtino”, por unha
peregrinación expiatoria como camiñante e penitente a Santiago de Compostela para
abrazar o Apóstolo e obter a redención.

Así saíu de París polo Camiño Francés, pasando por Tours, Poitiers, Bourdeaux e Saint
Jean Pied de Port. Todo ía ben ata que chegou a Roncesvalles e coñeceu, nunha pousada na que parou, unha fermosa rapaza navarra que alí servía. Léonard du Revenant fíxolle as beiras e a rapaza rexeitou os seus amores porque xa tiña mozo e quedaran en verse de noite na fraga cando os dous rematasen os seus traballos.

Foi daquela cando a maldade e a soberbia se apoderaron do francés, que esperou
agochado a chegada do mozo ao bosque e o matou a traizón. Logo agardou pola
fermosa rapaza, violouna e deulle despois morte a ela tamén. Léonard sepultou os dous corpos na fraga para que ninguén os atopase e marchou decontado cara a Zubiri para continuar a súa peregrinación a Santiago, onde chegou un mes máis tarde, o día vinte e cinco de xullo, para gañar a indulxencia xubilar e o perdón da xustiza.

Aquela noite non atopou pousada en Compostela e decidiu pasala á intemperie na praza da Quintana, ao abeiro da catedral. Léonard sentou ao pé dos seus muros e, abrigado cunha mantiña que levaba, quedou profundamente durmido.

De socato, co son das doce badaladas da Berenguela, aparecéuselle nun soño seu pai putativo, Leon du Cornu, que lle dixo que coa peregrinación expiara a culpa polo seu
asasinato e as súas contas coa xustiza pero non así polo crime dos dous rapaces navarros e que só obtería o perdón do Apóstolo e o dereito a entrar pola Porta Santa se as almas daqueles namorados viñan peregrinando a Compostela.

Léonard, fóra de si e aínda medio durmido e desconcertado, sacou do seu cinto o puñal co que matara os dous noivos navarros e arremeteu contra aquela figura imaxinaria do seu pai putativo que vira no soño, con tanto ímpeto que bateu a cabeza contra a parede e morreu alí mesmo desangrado, e así foi atopado polo crego de Antealtares na alba do día.

O seu corpo foi enterrado en Santiago e seica o seu espírito se aparece todas as noites en forma de sombra na Quintana, co sombreiro e o bordón de peregrino, na parede da
catedral, agardando inutilmente a chegada dos rapaces navarros para conseguir a
redención do seu terrible pecado.

Eu mesmo, que puiden ver esta sombra moitas veces ao pasar de noite pola Quintana e sentín un arrepío o día que escoitei, mentres a contemplaba, as doce badaladas do reloxo da Berenguela, dou fe de que, for a do espírito do cóengo, for a do fillo bastardo do duque de Borgoña ou a do sepultureiro do cemiterio da praza como outros aseguran ― dicindo que leva a pa na man―, non deixa de presentarse á súa cita ningún día. Os máis descridos din, e seguramente terán razón, que é o reflexo da luz do farol sobre o piar que hai ao lado; así e todo, a min gústame pensar que algo de verdade, polo menos poética, haberá tamén nestas lendas.

Lea también

Una nueva especie invasora, los charlatanes- (Pedro Sande)

Pedro Sande García Las dos características que convierten a una especie en invasora son, la …