Narón-O CC da Solaina acolleu a presentación á cidadanía do Plan Director do barrio

A alcaldesa, Marián Ferreiro, e varios edís do grupo de goberno, desprazáronse esta semana ó centro cívico social da Solaina para asistir ó acto de presentación do Plan Director deseñado para o barrio, que estivo aberto á participación veciñal.

No transcurso da convocatoria, a alcaldesa agradeceu a presencia das persoas que acudiron á xuntanza e destacou a importancia deste proxecto deseñado para A Solaina, sobre o que xa se realizou un arduo traballo de campo e coa finalidade de “artellar a rexeneración deste barrio da cidade, con preto de 2.700 vivendas, nos vindeiros anos, mellorando a calidade urbana, a actividade económica e, en definitiva, a calidade de vida dos residentes”.

A presentación pública das liñas xerais deste Plan director comezou precisamente explicando en que consiste. “É un plan estratéxico integral a través do que buscamos tamén a implicación veciñal para que eses cambios no barrio que se proxectan nos espazos públicos se noten tamén nas propiedades privadas”, apuntou Ferreiro.

As fortalezas e debilidades do barrio foron desglosadas no transcurso desta reunión, para plantexar unha intervención en conxunto a través un paquete de medidas no que se definen as liñas de actuación a levar a cabo a medida que se materialicen os investimentos previstos en cada momento. A redistribución da superficie, tanto no que respecta aos percorridos peonís como o tráfico de vehículos para incidir na mellora da humanización do barrio, a implantación de accións que permitan achegar na medida do posible servizos ó barrio e a creación dun Laboratorio de Ecoloxía Urbana, serían esas liñas de actuación.

A implicación dos veciños do barrio, axentes sociais… é fundamental para executar parte das medidas previstas. Por este motivo, a maiores do traballo xa realizado, os participantes na convocatoria tiveron a oportunidade de participar nunha enquisa, a través dunha aplicación cos seus teléfonos móbiles, a modo de “feedback” entre a veciñanza e a empresa.

Na mesma contestaron preguntas como o tipo de relación que teñen coa zona, son residentes, traballan alí, uso comercial… a idade, ocupación, con cantas persoas reside, se teñen fillos, se residen cos pais ou sogros…e outras máis vencelladas á situación inmobiliaria do barrio, para coñecer diferentes percepcións

Lea también

Narón iza a bandeira galega na Casa da Cultura

O Concello de Narón  programou para este sábado coincidindo co 23 de novembro, festividade local, …