O Concello de Narón abrirá este xoves, día 18 de novembro, o prazo de inscrición dun curso de teleoperador convocado a través da área de Novas Tecnoloxías, dirixida pola edil Natalia Hermida.
A acción formativa diríxese a persoas maiores de 18 anos, desempregadas e empadroadas no Concello de Narón e ofertará un total de doce prazas. Hermida anunciou que o prazo de presentación das solicitudes permanecerá aberto dende este xoves día 18, ás 8.30 horas ata o vindeiro mércores, día 24 deste mes de novembro ás 13.30, debendo entregarse no Rexistro Xeral do Consistorio, a través da Sede Electrónica ou dos restantes medios contemplados no artigo 16.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.
A acción formativa desenvolverase do luns 29 de novembro ó mércores 15 de decembro, de 9.30 a 13.30 horas de luns a venres, no Centro municipal de Formación Irmás Froilaz, na Gándara, e consta dun total de 40 horas. Durante o período formativo o alumnado abordará diversos contidos, como a comunicación, o teléfono e a empresa, telemarketing, atención ó cliente e atención en inglés.
O listado provisional de persoas admitidas, suplentes e excluídas publicarase na Sede Electrónica do Concello e as persoas seleccionadas serán informadas telefonicamente da súa admisión para a confirmación da praza. A publicación da listaxe definitiva do alumnado tamén se publicará na Sede Electrónica de Narón.
“A través deste curso o alumnado terá a oportunidade de coñecer as funcións principais deste traballo, cunha importante demanda entre as empresas e que, polo tanto, suporá unha oportunidade máis de cara á posible inserción no mercado laboral” subliñou a concelleira de Novas Tecnoloxías.