Celebración das «I Xornadas micolóxicas Concello de Narón»

A trintena de prazas que se ofertaron para asistir á primeira edición das Xornadas micolóxicas organizadas polo Concello de Narón en colaboración coa Asociación Micolóxica Viriato, esgotouse o primeiro día en pouco máis dunha hora.

A cita comezou o xoves, día 4 de novembro, ás 19.30 horas, no Café Teatro do Pazo da Cultura, donde ata as 21.30 horas tivo lugar unha xornada de iniciación á micoloxía que continuará esta tarde na mesma ubicación. Xosé Manuel Fernández Costas e José Bouso, da Asociación Viriato, foron os encargados de dirixirse aos participantes para informalos sobre a materia. A alcaldesa, Marián Ferreiro, e a concelleira de Ensino, Mercedes Taibo, participaron na convocatoria.

As persoas asistentes viron unha proxección sobre os conceptos básicos da micoloxía que a medida que ía avanzando os relatores compaxinaban con información sobre o contexto e a normativa da micoloxía en Galicia, España e Italia. As características dos cogomelos, o seu hábitat, as diferencias entre fungos e cogomelos e entre os cogomelos comestibles e os tóxicos, entre outros temas e anécdotas foron sucedéndose ó longo da tarde, ó igual que sucederá na sesión prevista para este venres, dia 5 de novembro ás 19.30 horas tamén no Pazo.

Así mesmo, onte programáronse varias mesas de clasificación nas que os participantes tiveron a oportunidade de observar unha gran variedade de especies de cogomelos, apreciando as súas características e coñecendo a gran diversidade dos que se poden atopar nesta comarca.

Finalmente, este sábado, día 6 de novembro,  os participantes sairán en autobús sobre as 9.30 horas do Pazo da Cultura cara ó monte Forgoselo (na zona do concello de As Pontes) para acudir a partir das 10.00 horas, xunto con profesionais na materia, a unha clase de carácter práctico sobre recoñecemento de cogomelos.

Non se trata de recoller cogomelos, tal e como indicaron, senón de observalos no seu entorno. A organización decidiu organizar tres grupos, de dez persoas cada un deles, cun monitor que os acompañará, da Asociación Viriato, e que lles irá explicando as diferentes variedades que atoparán no percorrido, de aproximadamente dúas horas de duración. Dende o colectivo indicaron que a mellor tempada de cogomelos comestibles é dende finais de setembro ata finais deste mes, aínda que tamén se poden atopar o resto do ano.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …