Narón-Preto de 4.500 escolares acudirán á 37ª Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil

Preto de 4.500 escolares de Narón acudirán este ano a algún dos espectáculos da 37 edición da Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil (MOTIX) organizada dende o Padroado da Cultura de Narón e que comezou onte no Auditorio municipal.

O concelleiro de Cultura, Guillermo Sánchez Fojo, indicou que se trata dunha proposta dirixida ós centros de ensino de Narón e comarca, que se desenvolverá ata o vindeiro mes de decembro no Auditorio municipal, no Pazo da Cultura e nas aulas de centros de infantil e na que este ano participan escolares dunha vintena de centros de ensino e tamén das tres escolas infantís municipais e da unidade de Infantil do CPR Santiago Apóstol de Narón.

Esta semana, dende onte e ata o venres, o alumnado de educación Infantil dos centros naroneses da Solaina, Santiago Apóstol, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Virxe do Mar, O Feal e tamén do GOA San José (Pontedeume), Centieiras e Xunqueira (Fene), Juan de Lángara (Ferrol), e Unión Mugardesa (Mugardos) acude no Auditorio á representación da obra “De aquí para alá”, de Lydia Botana.

Organizáronse dous pases cada día, ás 10.00 e ás 12.00 horas, para representar este espectáculo de música infantil no que o público viaxa arredor do mundo aprendendo, escoitando, bailando e cantando músicas de diferentes lugares, como Brasil, Cuba, Xamaica, Os Balcáns, Galicia…

A vindeira semana, o martes 9 e o mércores 10 será o turno do alumnado de terceiro e cuarto curso da ESO e primeiro e segundo de Bacharelato, que no Pazo da Cultura poderá ver a obra “Me llamo Suleimán”, de Unahoramenos Producciones. O primeiro día haberá dous pases, ás 10.00 e ás 12.00, para alumnado do IES Trasancos, Santiago Apóstol, Jorge Juan e do CPI do Feal, de Narón e para o da Xunqueira, o centro de Catabois (Ferrol) e o de Saúde Mental Ferrol.

O día 10 será o turno, ás 10.00 horas, do alumnado dos centros Carvalho Calero (Ferrol), IES As Telleiras e Saúde Mental Ferrol. Esta obra céntrase na emigración clandestina entre América e España, na viaxe que realiza quen emprende esta aventura. É unha adaptación teatral da novela homónima escrita por Antonio Lozano, que conta a historia de Suleimán, un neno que farto da situación de pobreza que vive o seu país, Mali, marcha co seu amigo Musa cara á próspera Europa.

A compañía Culturactiva tamén estará presente nesta Mostra de Teatro Infantil e Xuvenil, concretamente os días 16 e 17 de novembro, con dous pases cada día, ás 10.00 e ás 12.00,  no Pazo da obra “Rosalía”. Nesa ocasión os espectadores serán escolares de quinto e sexto de Primaria e de primeiro e segundo curso da ESO dos colexios da Solaina, Virxe do Mar, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Jorge Juan, Santiago Apóstol, IES As Telleiras, O Feal, todos eles de Narón, e tamén do Juan de Lángara, Catabois, Xunqueira, Unión Mugardesa, e As Mirandas (Ares).

A protagonista desta obra é Rosalía, esa muller que aínda non precisaba apelidarse Castro e que está a piques de marchar a Santiago. Na obra cóntase ós rapaces e rapazas que a infancia é o lugar onde medran as poetas.

A seguinte cita programouse para os días 24, 25 e 26 de novembro e diríxese a alumnado de primeiro a cuarto curso de Primaria da Solaina, Virxe do Mar, Ponte de Xuvia, Piñeiros, Santiago Apóstol, e o Feal, de Narón e, doutros concellos da comarca, do Juan de Lángara, Xunqueira, Virxe da Cela (Monfero), As Mirandas, Unión Mugardesa, Maciñeira (Neda) e Franza (Mugardos). A compañía Ghazafelhos representará no Pazo, 10.00 e 12.00 horas, a obra “Pinocho”, unha adaptación libre da obra de Carlo Collodi realizada por Pepablo Patinho. A posta en escena combina os monicreques, o teatro e a música en directo para narrar unha emocionante aventura que amosará un camiño cheo de humor e sensibilidade.

O alumnado de educación Infantil é o destinatario das últimas sesións desta mostra teatral, que correrán a cargo da compañía Teatro ó Cubo, que protagonizará a obra “Nube, nube, sol”. O día 30 a representación será na escola infantil municipal de Piñeiros, o 1 de decembro na da Solaina, o 2 na da Gándara, nos tres casos con dous pases, ás 10.00 e ás 12.00 e o 3 de decembro será o turno do alumnado de infantil co CPR Santiago Apóstol. É un espectáculo cargado de diversión e aprendizaxe, pensado para achegar á primeira infancia a maxia dos ciclos da natureza e a importancia da choiva para que todo medre.

“O pasado ano debido á situación sanitaria non puidemos celebrar a mostra pero retomámola de novo este ano para ofrecerlla, como fixemos, aos centros de ensino da cidade e doutros concellos da comarca“, apuntou Sánchez Fojo. O edil naronés incidiu «na aposta que se realiza por incentivar a difusión de espectáculos culturais dirixidos neste caso a escolares de Narón e comarca, con entrada de balde, para completar as unidades didácticas que previamente se realizan nas aulas en relación con esta mostra”.

Lea también

Uns 350 escolares participan nos obradoiros de murais programados dende polo Concello de Narón en centros de ensino

Uns 350 escolares de once centros de ensino de Narón participan nos obradoiros de murais …