A alcaldesa, Marián Ferreiro, presidiu o mércores día 13 de outubro, unha nova sesión do Consello Sectorial de Igualdade de carácter ordinario acompañada pola concelleira de Igualdade, Mar Gómez, e a concelleira de Participación Cidadá, Catalina García. Participaron na reunión desta mañá representantes políticos do Concello e as entidades ACADAR, AFINOR, ASCM, Patronato Concepción Arenal e AXF.
Na orde do día tratáronse as propostas municipais para a conmemoración do 25 de novembro, Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller. Algunhas destas propostas sobre as que se está a traballar son:
Obradoiros nos centros educativos para alumnado de 3º e 4º de ESO co obxectivo de analizar co alumnado, dunha forma dinámica e participativa, aqueles contidos que máis consumen a través de videoclips, series, Youtube, Instagram…
Concurso nos centros educativos para converter unha imaxe nun mural na rúa. Unha exposición que sexa continuidade da que comezou co 8M do ano 2021 na que se recolla a historia do 25 N, datos relativos á violencia machista e os recursos existentes a nivel estatal, galego e local e actividades desenvolvidas no concello.
Marcha ciclista virtual contra a violencia machista e pola igualdade na que participarían os centros de ensino de Narón
Acto institucional de lectura do Manifesto contra a Violencia de Xénero e ofrenda floral ante o Monumento á Muller na praza da Gándara aberto a toda a cidadanía o xoves 25 de novembro ás 12.00 horas.
Campañas de sensibilización ás que se suma o Concello de Narón, campañas “Defronte” (Deputación da Coruña) e campaña “En negro contra as violencias” na que participan moitos concellos galegos
Na sesión do Consello tratouse asimesmo o traballo sobre a avaliación do II Plan de Igualdade co que se analizará o grao de desenvolvemento do Plan nestes últimos anos, afondando nos logros acadados e nas dificultades atopadas para chegar a conclusións que poidan ser de utilidade cara a formulación de novas propostas e liñas de traballo para o establecemento do vindeiro III Plan de Igualdade do Concello de Narón.
A maiores, foron tratadas e valoradas outras propostas como: “CUIDADANAS”, servizo de apoio integral a coidadoras no medio rural (Fundación Mujeres e Deputación da Coruña) e “MULLER EN RED” dirixido a mulleres maiores de 50 anos, acadando un espazo no que coñecer xente, aprender sobre as novas tecnoloxías, facer actividades diferentes e aprender a coidarse…
Tamén se seguirá a traballar sobre novas propostas como o “Acoso callejero” así como na posibilidade de engadir diversos aspectos que poidan xurdir nas sesións que leven a cabo as entidades.