A executiva do PSdeG-PSOE de Narón remitiu unha solicitude ó conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, para nomear o novo centro de saúde do municipio como Octavio A. Dopico Pérez. Unha proposta que nace da petición de moitos pacientes do doutor, así como moita veciñanza de Narón, xa que sería un merecido recoñecemento á súa traxectoria en defensa da sanidade pública e dos dereitos das e dos pacientes.
Dopico estivo ó fronte da Concellería de Sanidade do Concello de Narón entre os anos 2015 e 2019 e «traballou arreo para que o centro sanitario fora unha realidade». «Defendeu reiteradamente que Narón precisaba desta infraestrutura e non cesou no seu empeño de que se iniciasen as obras con chamadas, xuntanzas e xestións varias ao longo dos anos»
O concelleiro socialista era «bo coñecedor da realidade sanitaria de Narón», xa que exerceu como médico de familia no centro de saúde desde o ano 2009. Entre 2008 e 2009 formou parte da dirección da Área Sanitaria de Ferrolterra, dende a que «se traballou arreo para conseguir a sinatura dese primeiro protocolo para que Narón contase con esta nova infraestrutura»
Lamentablemente, non chegou a ver o inicio das mesmas, pois o 14 de abril de 2019, aproximadamente un mes antes, producíase o seu pasamento.