O Concello convoca o proceso selectivo para a contratación laboral temporal de 2 técnicos/as de Turismo. As instancias para participar no mesmo deben presentarse no rexistro xeral da casa consistorial no prazo de 5 días naturais contados dende o seguinte hábil ao da publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia. Isto é, a partir deste xoves 29 de abril.
A contratación será por espazo máximo de 4 meses, coa finalidade de promocionar e difundir as diferentes actividades turísticas do municipio, e estará condicionada á concesión da subvención que a Deputación provincial da Coruña convoca cada ano dirixida aos concellos e agrupacións de concellos da provincia de menos de 50.000 habitantes para o financiamento do gasto de persoal das oficinas de turismo. Así, en caso de denegación da petición cursada, o proceso de selección quedará sen efecto.
As funcións a desempeñar serán, en xeral, as seguintes: atención ao público, atención telefónica, dar resposta á información demandada a través de correo ordinario, fax e correo electrónico, preparación de material promocional turístico para distintas feiras e eventos, colaborar no deseño e na elaboración de rutas comarcais, realización de visitas guiadas, arquivar documentos e informes, cubrir formularios e elaborar informes estadísticos.
O contrato será temporal de duración determinada, na modalidade de obra ou servizo determinado, a tempo parcial, do 60%, puidendo variar en función do financiamento dispoñible. Así mesmo, para optar á convocatoria é preciso estar en posesión dalgunha das seguintes titulacións: Técnico superior en guía, información e asistencia turística ou equivalente, Grao ou diplomatura en Turismo ou equivalente homologado.
Convocatoria, bases e solicitude, no seguinte enlace: https://cutt.ly/kbunsxK