O Bloque Nacionalista Galego de Ferrol presentou unha proposta que será debatida no pleno co obxectivo de protexer a zona natural do Concello «fronte a proliferación de proxectos eólicos». O BNG propón que o pleno rexeite a instalación do «parque eólico Brión”, situado nos terreos de propiedade municipal, nos montes do Chá, e denegue esta solicitude. Así mesmo propoñen rexeitar a instalación dos outros parques eólicos solicitados no Concello e solicitar à Xunta de Galicia a paralizar a tramitación dos mesmos.
Iván Rivas, portavoz municipal do BNG, indicou que «é preciso que os grupos políticos de Ferrol amosemos o noso posicionamento contrario a estes macro proxectos impulsados por grandes compañías ás que se lles está a regalar o espazo público e a paisaxe natural a cambio de irrisorias compensacións para as propietarias e os concellos«. Neste sentido sinalou que o problema non é a enerxía eólica «senón o xeito no que se están a realizar estes proxectos, de maneira masiva, non planificada e a grande escala afectando a zonas de grande valor ecolóxico, medioambiental e patrimonial.«
Rivas salienta que estas propostas enmárcanse dentro dunha estratexia que se leva desenvolvendo ao longo de todo o pais durante os últimos dous anos, e especialmente nos últimos meses, «que está a provocar un absoluto descontrol eólico no que priman os intereses das eléctricas que aproveitan un marco legal obsoleto, cunha planificación de 1997, sen garantir tratos xustos aos propietarios e propietarias das terras e sen protexer as áreas de valor ambiental e patrimonial«.
Como se lembrará o Concello de Ferrol «non vive alleo á inxente proliferación de proxectos para a instalación de parques eólicos que se está a producir no conxunto de Galiza«. En concreto o Rexistro Eólico da Xunta de Galicia «recolle a solicitude para a implantación en terreos do noso termo municipal de 3 parques eólicos que suman 20 aeroxeneradores de dimensións considerables xa que superarán os 200 metros de altura e que se situarán na proximidade de contornos protexidos e cun alto valor ambiental e patrimonial xa que se pretenden situar próximos á rede Natura e no límte da LIC Costa Ártabra.«
Estes parques asentaríanse abarcando a «practica totalidade das parroquias da zona rural do Concello: Covas, Mandiá, Vilasánchez, Mougá, San Xurxo, Doniños, Brión, Esmelle«. Ademais cómpre salientar que o previsto para os montes de Brión, «afecta a terreos de propiedade municipal, como son os montes do Chá«. Alén deste existen dúas solicitudes máis «como son o parque eólico Ferrol, que afecta a terreos de titularidade pública estatal pertencentes ao Ministerio de Defensa, e o parque eólico Monteventoso no limite co Concello de Narón«.