A artista Eva Cayetana Somolinos Olmo trae á súa vila natal, Neda, AcercArte, un innovador proxecto artístico no que aúna as súas dúas grandes paixóns, a música e a pintura, representando unha nova forma de sentilas, e combinando as súas composicións musicais coas obras pictóricas que as inspiraron.
Os coles do municipio serán o seu primeiro destino. Así, o CEIP de Maciñeira, do 26 ao 30 de abril, e o CEIP San Isidro, do 3 ao 7 de maio, albergarán un concerto-exposición moi especial sobre AcercArte, con aqueles cadros que o alumnado está a estudar.
Precisamente, na mañá deste luns, día 26, a artista, acompañada do alcalde, Angel Alvariño, e das concelleiras de Educación, Angeles Puentes, e de Cultura, Verónica Vigo, presentaba o proxecto no cole de Maciñeira.
Eva Cayetana Somolinos Olmo e AcercArte
Estudante de último curso do Grao Profesional nas Especialidades Instrumentais de Viola e Piano, e alumna de Historia do Arte, Eva abordou cos escolares a sinestesia, de modo que puidesen entender como relaciona os cadros coa música a través das cores. Unha presentación que se repetirá o próximo luns en San Isidro.
Tralo seu paso polos centros educativos, Eva levará AcercArte á Casa das Palmeiras. Será a partir do 7 de maio, e ata o día 19 do mesmo mes. Abrirase entón ao público, que poderá realizar as súas visitas de 17,30 a 20 horas, e fins de semana e festivos tamén en horario de mañá, de 11 a 13 horas.
Ao longo deste tempo, o centro cultural tamén estará aberto a grupos burbulla de
estudantes procedentes dos centros educativos, en horario de mañá.
AcercArte é un proxecto sumamente persoal que busca contribuír á difusión das
grandes obras de arte a través dunha experiencia novidosa, innovadora e única. Así,
consta de 24 pezas musicais creadas por Eva e inspiradas nas pinturas que integran
a exposición que patrocina, de forma que os visitantes poidan desfrutar da mesma
non só a través da vista, senón tamén do oído, guiados pola música.
Unha mostra que dá a oportunidade de interrelacionar o Arte cos sentimentos e as
emocións, coa misión específica de que as persoas coñezan, valoren e desfruten o
patrimonio cultural que os rodea.