Os veciños e veciñas de Neda inscritos/as no programa municipal de compostaxe caseiro recibirán, de forma totalmente gratuíta, os medios materiais precisos para a elaboración de compost este venres 9 de abril. Repartiranse composteiros individuais de 400 litros de capacidade, caldeiros para o depósito dos biorresiduos e aireadores para facilitar a execución do proceso.
Realizaránse dous actos de entrega: ás 17 horas e ás 18 horas, no polideportivo do
Roxal, onde ademais de recibir os medios materiais correspondentes para iniciarse
na compostaxe caseira, monitores ambientais especialistas na materia ofrecerán as
pautas para desenvolver con éxito esta práctica tradicional.
O programa municipal de compostaxe caseira conta cun investimento de 18.140,96
euros, dos que o 70% dos fondos son aportados pola Consellería de Medio Ambiente
a través dunha subvención FEDER 2014-2020. Está pensado para a participación
inicial de 125 veciños e veciñas, aínda que no caso de constatarse maior demanda
o Concello xa avanzou que asumirá o custe dos recursos necesarios sempre que se
cumpran os requisitos establecidos.
Deste modo, o proxecto buscará capacitar á poboación para a transformación de
materia orgánica en compost; mellorar a eficacia da recollida selectiva mediante a
separación previa da materia orgánica; reducir o volume de residuos que debe
recoller o ente municipal; concienciar á poboación sobre o papel que xoga a
compostaxe na xestión dos residuos orgánicos, e aproveitar esta actuación como
punto de partida para o desenvolvemento doutros programas de educación
ambiental.