A alcaldesa de Narón, Marián Ferreiro, asinou novos convenios de colaboración cos representantes da Asociación Gallega de Trasplantados de Médula Ósea (Asotrame), e coa Asociación de Exalcohólicos Ferrolterra.
Convenio con Asotrame
O convenio con Asotrame asinouse no Concello e no acto estivo tamén presente o edil de Sanidade, Santiago Galego. O importe conxunto destes acordos ascende a 5.000 euros, tal e como indicou a rexedora local.
A presidenta de Asotrame, Cristina Piñeiro, valorou o apoio do Concello á entidade e o compromiso manifestado pola alcaldesa para continuar organizando conxuntamente actividades encamiñadas a mellorar a calidade de vida das persoas transplantadas de médula ósea, das persoas inmersas nun proceso de cancro hematolóxico e dos seus familiares. “Dende Asotrame realizades un gran labor informativo e de asesoramento pero tamén a nivel emocional para axudar ás persoas con cancro hematolóxico e as súas familias, fundamental para o colectivo e que ademais permite concienciar á poboación en xeral sobre a necesidade de doar médula ósea e de colaborar, ao igual que as administracións, con proxectos de investigación sobre esta enfermidade”, asegurou Ferreiro.
Minutos antes da sinatura do convenio, a presidenta de Asotrame entregou ao Concello un agasallo en agradecemento á colaboración na iniciativa “La carrera que nunca para: kilómetros de vida” que se desenvolveu con gran éxito de acollida na cidade o pasado mes de setembro. O edil de Deportes, José Oreona, estivo tamén presente na entrega do agasallo concedido.
Con exalcohólicos
De xeito telemático asinou a rexedora local o convenio co presidente da Asociación de Exalcohólicos Ferrolterra, Miguel Fraga. “Un ano máis o Concello colaborará coa entidade no desenvolvemento do programa de Prevención de recaídas, co que persoas da cidade que se atopan en tratamento ambulatorio reciben a axuda precisa para identificar os motivos das recaídas e, deste xeito, recibir por parte da asociación as pautas necesarias para evitalas e afrontalas”, apuntou Ferreiro.