A Real Academia Galega acordou celebrar o pleno extraordinario do Día das Letras Galegas, que xa se pospuxo, na súa propia sede, ante o empeoramento da situación sanitaria pola crise do a covid na área de Ferrol.
A institución tiña previsto desenvolver o acto central de homenaxe a Ricardo Carvalho Calero na cidade natal, no teatro Jofre, o sábado 31 de outubro, coincidindo co centenario do seu nacemento, e após pospolo na data tradicional, o 17 de maio, como consecuencia do confinamento.
Finalmente, a Academia renderalle tributo ao escritor, filólogo, profesor e académico nunha cerimonia que terá lugar no salón de actos da rúa Tabernas ás 12,00 horas e que se poderá seguir a través da web (academia.gal).
O acto incluirá catro alocucións sobre a vida e o legado intelectual do homenaxeado, a cargo da académica Margarita Ledo Andión e dos académicos Xesús Alonso Montero, Ramón Villares e Francisco Fernández Rei.