Aberta a inscrición na ruta ao encoro das Forcadas de “Móvete en Valdoviño”

O Concello de Valdoviño, a través da Concellería de Deportes, abre este luns o prazo de inscrición na segunda ruta do programa municipal “Móvete en Valdoviño”. Nesta ocasión, desenvolverase pola contorna do encoro das Forcadas, con participación gratuíta, previa inscrición e prazas limitadas.

Así, as persoas interesadas en anotarse poden facelo ata o xoves ás 14 horas enviando un correo electrónico ao enderezo deportes@concellodevaldovino.com ou un whatsapp ao número 626465531 sinalando nome e apelidos, DNI, data de nacemento, localidade de empadronamento e teléfono de contacto. É preciso ter 18 ou máis anos.

A ruta dará comezo ás 10 horas -o punto de partida especificarase ás persoas inscritas- . A mellor forma de coñecer Valdoviño e a súa contorna natural e, ao mesmo tempo, fomentar hábitos saudables a través do deporte.

Nesta liña, a situación derivada da COVID-19 obriga ao Concello a plantear unha serie de recomendacións imprescindibles para tomar parte nas rutas como son: o uso obrigatorio de mascarilla e levar nas rutas un pequeno bote con líquido
desinfectante para as mans. Así mesmo, cada participante levará o seu propio material deportivo e a súa bebida e comida. Durante a marcha, é recomendable camiñar en paralelo cunha distancia mínima de 1,5-2 metros (en caso de que non sexa posible manter esta distancia debido á existencia de vías estreitas farase en fila de un, respetando as distancias entre o anterior e o seguinte participante).

As paradas de descanso que se realizarán durante a ruta serán en lugares amplos onde se poidan manter as distancias de seguridade e, se algún participante necesita algún tipo de axuda, para acceder a algún lugar, será obrigatorio a posterior desinfección das mans.

Como recomendacións xerais para asistir á ruta, a Concellería de Deportes lembra
a importancia de levar: mascarilla e xel hidroalcólico (obrigatorio); roupa e calzado cómodo; gorra, visera ou similar; protección solar; auga e algún alimento (froita, barrita enerxética, etc), e chuvasqueiro (dependendo das condicións climatolóxicas).

 

Lea también

“As Pontes, Terra de Cogomelos” premia ós mellores cociñeiros de Galicia

O xurado decidirá o próximo sábado 30 de novembro nun evento de portas aberta ao …