O Concello de Narón licita en 1,3 millóns de euros o proxecto de execución da rehabilitación do muíño de Xuvia

A alcaldesa da cidade, Marián Ferreiro, anunciou a licitación do proxecto de execución das obras de rehabilitación do muíño de Xuvia. Ferreiro indicou que o importe máximo da licitación ascende a 1.307.842,39 euros e recordou que se trata dunha actuación cofinanciada polo Fondo Europeo de Desarrollo Regional (FEDER) no marco do programa operativo Feder 2014-2020 e enmarcado na Estrategia de Desarrollo Urbano Sostenible e integrado EDUSI “Ría de Ferrol, Cidade 2020”, pola Deputación da Coruña e o Concello.

As empresas interesadas en presentar as súas propostas poden facelo a través da Sede Electrónica do Concello –sedeelectronica.naron.es- ata o vindeiro 7 de xullo ás 23.59 horas. “A licitación das obras de rehabilitación do muíño de Xuvia permitiranos levar a cabo unha das actuacións máis importantes na área de Obras proxectadas para este mandato, avanzando nunha intervención que fará posible recuperar un dos edificios máis emblemáticos do noso concello e cun destacado valor histórico e patrimonial para que poidan desfrutar del as nosas veciñas e veciños e tamén persoas doutros concellos que queiran coñecer unha parte da historia da nosa cidade”, asegurou a alcaldesa.

O muíño de Xuvia, propiedade do Concello, foi obxecto dunha intervención no ano 2009 que permitiu recuperar as estruturas de madeira da cuberta e colocarlle tella cerámica, ao tempo que se consolidaron os muros exteriores da construción. O proxecto que se iniciará nos próximos meses aposta por restauralo dun xeito acorde ao seu estado inicial, como enxeño industrial, tal e como se recolle no proxecto.

O complexo fabril do século XVIII consta dun conxunto de edificacións localizadas na desembocadura do río Xuvia. “Dende o Concello queremos reconstruír eses edificios que forman o complexo, reutilizando o de vivendas como museo e espazo didáctico para impulsar a posta en valor deste muíño”, avanzou Ferreiro. Ao mesmo tempo, “habilitaremos unha serie de espazos multiuso para amosar o patrimonio municipal entre residentes e visitantes e contemplando a posibilidade de poder realizar actividades diversas”, indicou.

Os traballos realizaranse, tal e como explicou a rexedora local, reutilizando os materiais procedentes da demolición, restaurando os elementos existentes na medida do posible e apostando pola implantación de medidas de eficiencia enerxética. “Restaurarase o muíño para devolvelo ao seu estado orixinario, incluíndo os elementos que no seu día permitiron que se convertise no no ano 1858 no principal muíño do país en capacidade de produción na súa clase, recibindo trigo que se transportaba en barcos procedentes do Báltico, América… e que tamén moveu unha fábrica de papel, unha de tecidos e outra de laminados de cobre”, recordou. No que
respecta á zona de vivendas, “retiraranse tabiques para destinar a planta baixa a museo e a superior a un espazo polivalente no que poder organizar obradoiros, exposicións… e o antigo almacén de sal será a parte reservada á recepción dos visitantes e punto de información e exposición de produtos artesáns”. Estes tres elementos estarán articulados a través do patio, que se cubrirá cunha estructura de vidro.

Este proxecto ten un prazo de execución dun ano, polo que a finais do vindeiro verán poderemos gozar todas e todos do muíño de Xuvia no seu máximo esplendor, tras recuperar nonsó o edificio senón tamén parte da nosa historia pasada e dos nosos proxectos de futuro para esta construción da cidade”, recalcou a alcaldesa.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …