Aprobada a subvención solicitada polo Concello de Narón para cofinanciar un proxecto de mellora do alumeado público

O Concello de Narón recibiu a confirmación do Instituto para a Diversificación e o Aforro da Enerxía (IDAE) da concesión da subvención para cofinanciar un proxecto de mellora do alumeado público na cidade valorado en 283.295 euros. O goberno local solicitou esta subvención ao Ministerio de Transición Ecolóxica, no marco do programa operativo Feder de crecemento sostible 2014-2020 para proxectos singulares de entidades locais que favorezan o paso a unha economía baixa encarbono.

A alcaldesa, Marián Ferreiro, valorou a concesión desta subvención que, asegurou “permitiranos continuar avanzando na mellora da eficiencia enerxética da nosa cidade con cargo a unha importante achega de fondos europeos que completaremos cunha partida das arcas locais para executar as intervencións previstas neste proxecto”.

A financiación con cargo a fondos europeos será dun total de 226.636 euros -programa Feder- e o Concello aportará os 56.659 restantes. En total, con cargo ao proxecto de mellora do alumeado público da cidade substituiranse 430 puntos de luz ubicados en áreas de interconexión entre zonas industriais e zonas urbanas, así como viais de acceso xeral entre núcleos. A actuación levarase a cabo en nove cadros de mando, localizados en vías de acceso dos tres polígonos industriais da cidade, os da Gándara, Río do Pozo e As Lagoas (na estrada da Gándara, na rúa Ferrol-traseira do colexio Santiago Apóstol, en Cornido, na zona de Outeiro-Piñeiros, nas inmediacións da glorieta do polígono da Gándara xunto ao ramal da AP-9 cara ao Couto, na estrada superior á urbanización do Couto, no polígono das Lagoas, en Río Seco, no vial de
acceso a Río do Pozo, e no propio vial de acceso a Río do Pozo), según se recolle na memoria presentada polo goberno local. “Os equipos de iluminación actualmente instalados neses puntos substituiranse por uns novos de tecnoloxía led, o que nos permitirá acadar en conxunto un aforro enerxético do 75% e mellorar considerablemente os índices de iluminación, reducindo ao mesmo tempo a contaminación lumínica e ofrecendo unha maior seguridade pública e viaria”, tal e como recalcou a alcaldesa.

O axuste dos horarios de funcionamento do alumeado según a hora local do orto e ocaso cada día do ano é outra das melloras contempladas neste proxecto no que, a maiores, as novas luminarias serán programables, permitindo seleccionar diferentes
horarios de redución da iluminación atendendo ás características da zona a iluminar.

Ferreiro recordou que tamén se solicitou ao Ministerio de Transición Ecolóxica outra subvención para materializar un proxecto de rehabilitación da envolvente térmica do Centro Municipal de Formación Irmás Froilaz, valorado neste caso en 372.063 euros e sobre o que previsiblemente se pronunciará nos vindeiros días o IDAE. Este último proxecto permitirá mellorar as condicións térmicas de habitabilidade e a eficiencia enerxética das instalacións.

Lea también

A conferencia sobre saúde mental prevista para este sábado en Narón, adíase ó día 29

A conferencia da psicóloga Rita Touza, prevista inicialmente para este sábado 23, adíase ata o …