A campaña de recollida de alimentos e prudutos de hixiene impulsada polo Concello para axudar ás familias máis vulnerables rematou este sábado, día 9, cun gran éxito grazas á colaboración da cidadanía. A alcaldesa,Marián Ferreiro , indicou que dende o pasado luns, primeiro día desta campaña, ata o sábado, recolléronse algo máis de 11.000 quilos de alimentos e produtos de hixiene. “O resultado desta campaña é moi positivo e constata unha vez máis a gran solidariedade das veciñas e os veciños de Narón, que sempre están dispostos a axudar a outras persoas que, como nestes momentos, están atravesando unha situación delicada”, subliñou Ferreiro.
“En tan só seis días, e durante unhas catro horas cada día, logramos reunir unha gran cantidade de produtos de primeira necesidade grazas a solidariedade da xente e tamén ao traballo de todas esas persoas voluntarias que estiveron en primeira liña e coordinados por Protección Civil fixeron posible esta campaña, traballando nos puntos de recollida e tamén no Centro de Recursos Solidarios de Narón«, recalcou a alcaldesa.
As doazóns realizáronse nos supermercados das cooperativas do Val (no Val e en Xuvia) e Meirás (San Mateo), nos Covirán de Xuvia e O Alto, no Dia do Ponto, xunto aos Froiz de Freixeiro, Santa Icía, A Gándara e o Centro Comercial Narón, nos Gadis da estrada de Cedeira e Santa Icía, no Familia de Santa Icía e no Eroski da Gándara. “Nesta ocasión quixemos centralizar a campaña na doazón dos produtos que máis se precisan nestes momentos, ben por ser os de maior demanda ou ben por tratarse dos que había menos cantidade no Centro de Recursos Solidarios”, apuntou Ferreiro. Entre as doazóns solicitábanse preferentemente cereais, legumes e froita en conserva, café, arroz e tamén produtos de hixiene (compresas, tampóns), de limpeza (deterxentes para fregar a louza e o chan, lixivia…) e tamén toalliñas hixiénicas para bebés, aínda que se podían doar tamén outros produtos.
“Quero agradecer dun xeito especial a colaboración das nosas veciñas e veciños nesta campaña e, como non, a gran implicación das voluntarias e voluntarios e do persoal de Protección Civil que nos axudaron, entre todas e todos, a que esta campaña fose todo un éxito coa recollida de algo máis de once toneladas de alimentos que nos permitirán axudar a moitas familias”, asegurou a alcaldesa.